Operarios de extinción de lumes ven insuficiente que se pase de 3 a 4 meses a súa contratación

Negocian coa Xunta un incremento da contratación que consideran escasa para acabar coa súa "precariedade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2018 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia de Tres Meses (Atrifoga) do servizo público de extinción considera insuficiente o aumento de contratación que negocia coa Xunta de tres a catro meses ao incluír este ano a Consellería de Medio Rural o mes de outubro no período de alto risco, que habitualmente se reduce a xullo, agosto e setembro.

Incendio en Serra de San Madede (Ourense)
Incendio en Serra de San Madede (Ourense) | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa en Santiago para dar o seu apoio á manifestación do domingo en Santiago dos comuneiros de montes veciñais, Darío Lado, socio fundador de Atrifoga, ve "pouco o tempo de aumento a catro meses", porque "cada ano se complica máis" a campaña de alto risco de incendios. Neste sentido, lamenta que pasar de tres a catro meses non resolva a situación de "precariedade" dos 436 membros agrupados en Atrifoga.

"Atrifoga nace polas protestas dos tresmesinos, que nos chamamos, que somos persoal de reforzo na campaña de alto risco", explica Lado, quen lembra que levan "pelexando" desde hai dous anos para que se incremente o seu período de contratación porque os "incendios están a cambiar" e agora "son moito máis virulentos".

A este respecto, indica que "coas plantacións monoespecíficas se fan moi difíciles de atallar os lumes co consecuente perigo que iso leva".

Por iso, defende que "non pode ser un servizo de extinción precario", á vez que valora a profesionalidade dos 436 membros agrupados en Atrifoga en categorías como peóns, vixiantes, técnicos, motobombistas e emisoristas. "Todos facemos falta", deixa claro.

OUTUBRO, NO ALTO RISCO

O pasado mércores, o responsable de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, presentou o plan de loita contra o lume (Pladiga) para este ano, nunha rolda de prensa na que avanzou que se prevé incluír o mes de outubro como alto risco, de forma que este período pasará a ser de catro meses no canto do habituais tres meses doutros anos.

Nunha fin de semana de outubro de 2017 arderon case 50.000 hectáreas nunha vaga de lumes que deixou catro mortos. O ano pasado foi no que máis se prolongou a temporada de alto risco de incendios —até o 12 de novembro— en Galicia.

No Pladiga recóllese que o alto risco dura entre xullo e setembro, coa posibilidade de amplialo aproximadamente un mes en función das condicións meteorolóxicas, pero agora Fernández-Couto xa avanza que "probablemente" se incluirá o mes de outubro "dentro da temporada". "Poderemos considerar que a campaña de alto risco incluirá automaticamentente desde o mes de xullo até o mes de outubro", asegurou o mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta