Rueda aos sindicatos de xustiza: "Rebentar actos públicos da Xunta non variará a postura"

Asegura que "moitos funcionarios" consideran "boa" a oferta pero lamenta que os sindicatos a decidisen rexeitala.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2018 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avisou aos sindicatos de xustiza que "rebentar actos públicos" organizados polo Goberno galego "non vai facer variar" a postura do Executivo autonómico. Referíase Rueda á oferta económica presentada pola Xunta nas negociacións, xa que "parte da obxectividade e a responsabilidade".

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto na Estrada
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto na Estrada | Fonte: Europa Press

Rueda pronunciouse deste xeito nun acto na Estrada, no que se referiu ás medidas de prensión cara a Xunta adoptadas polas organizacións sindicais nos últimos días. Entre esas medidas realizáronse concentracións en distintos actos do presidente e vicepresidente da Xunta.

En concreto, este venres sindicalistas e traballadores acudiron ao Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, lugar no que Alberto Núñez Feijóo inauguraba a xornada educativa Stemlab Galicia, na que participaba o astronauta Pedro Duque. Alí os folguistas corearon consignas como 'Feijóo, presidente impotente', 'Rueda dimisión' ou 'Aquí está, aquí se ve, a xustiza galega en pé'.

Sobre estas protestas, o vicepresidente da Xunta considerou que, "se o concepto dos sindicatos é que reforzando as súas manifestacións na rúa ou tentando rebentar actos públicos da Xunta  vai facer variar unha postura que parte da obxectividade e responsabilidade", por aí "non" se chegará "a un acordo".

"BOA OFERTA"

Así mesmo, Rueda lembrou que, na reunión do pasado mércores, a Xunta puxo encima da mesa unha proposta que "moitos funcionarios consideraron que era boa" pero que os sindicatos "decidiron non aceptar". Esta, segundo indicaron, era "xenerosa" desde o punto de vista que "cumpría moitísimas das peticións dos sindicatos". "Esa era a oferta que os sindicatos decidiron rexeitar cando varios deles, ademais, estaban en principio de acordo", censurou.

"Por tanto, a Xunta non vai entrar nese xogo de dáme máis, sempre dáme máis, e cando me deas o que che pido, vouche a pedir un pouco máis", indicou para lembrar que a autonómica é unha administración que "negocia con diñeiro público" polo que, cando fai unha oferta, a fai "coa intención de pechar un acordo".

SEGUIMENTO

Rueda realizou estas declaracións coincidindo co 73 día de folga, despois do inicio do paro indefinido o pasado día 7 de febreiro. Nesta xornada a Administración autonómica baixou a súa cifra de seguimento da folga. Así, sinala que a secundaron un total de 727 persoas, polo que sitúa a cifra no 26,4%. Pola súa banda, os sindicatos elevan este dato até o 66%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Carballo

Se o dí é porque pica. A folga da xustiza está marcando o camiño de loita de outros sectores ademáis de estar reactivando a xente, cómo se xunten todas as movilizacións actuais (xustiza, movemento pensións dignas, estudantes,...) temos folga xeral.

2 Irresponsabilidade

Manda truco! O departamento que dirixe este homiño tarda vinte días en convocar unha nova reunión e, cando por fin se decide, non asina o acordo por unha diferenza de 12 euros. A irresponsabilidade da Administración que preside Feijóo é de traca.

1 Carballo

Nada meu, eles son os "bos xestores", son puros e magnos; non xogan coa xente, non son populistas, son xente de lei,... Ogallá a xente pense un pouco antes de botar. Esta xente non fai ben nin a Galicia nin a xente; a non ser que estés buscando un postiño, palmada nas costas ou ser un agradecido.

1 Minhamamainhadoceo

Un tono ameazante e propio doutros tempos. Fica clara a evidente incapacidade de xestión tanto de Feijóo como de Rueda. Vaia dous!