Hai independencia no cinema galego?

Os cineastas máis contemporáneos en Galicia apostaron forte por unha independencia creativa e distributiva. Achegaron as novas narrativas audiovisuais para materializalas en obras que acadan hoxe en día mesmo premios internacionais.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A denominación “cinema independente” parece levar canda si un aquel de incomodidade. Quizais pola incerterza ou falta de concreción do termo “independente”. Independente de que? Esta é unha frase moi recorrida en primeira instancia polas persoas inqueridas sobre o tema. Se ben a maioría coñece a definición clásica, o certo é que unha vez dada a resposta, parece que haxa máis dunha dúbida nas súas caras.

Sala de cine
Sala de cine

Se ben houbera experiencias de cara a unha creación “independente” xa desde décadas atrás, na Transición parecía haber un renovado interese pola creación audiovisual centrada en Galicia. Máis adiante, desde o nacemento dos medios públicos galegos, o interese parecía centrarse en crear unha industria cinematográfica. A cousa non callou e ao final, unha década e media despois, un grupo de autores e autoras tomaron nota do que se cocía fóra das fronteiras administrativas galegas. Touxeron novas linguaxes visuais que adaptaron á realidade que coñecían para máis adiante, expor os seus traballos en novos circuitos pensados para producións como as que estas persoas estaban a realizar.

FALAMOS DE INDEPENDENCIA

A idea de cinema independente fóra de grandes circuitos comerciais e de festivais promocionais vén da época dourada de Hollywood. En paralelo ás grandes produtoras creáronse novas maneiras de facer cinema ademais de buscar novas vías de financiamento. Todo por aplicar novos discursos, técnicas e visións á séptima arte, entendéndoa como algo máis ca un simple entretemento.

A independencia do cinema defínese “como un produto máis libre, non tan guiado e que non rende contas” como di o director Xacio Baño. Por outra banda hai autores que non se senten seguros ou cómodos falando de cinema indepentende. “Independente é unha palabra perigosa” di Adrián Canoura, un dos últimos creadores en apuntarse á creación cinematográfica en Galicia. “Poderíase dicir que estás fóra de toda a loxística que implica a produción destinada ao consumo máis masivo” do Canoura.

“Realmente é unha definición e un estilo moi etéreo” describe Xurxo Chirro que ademais remarca que “implica tamén ter máis autonomía mesmo para expor os teus traballos” e que finalmente acaba sendo un produto “moi persoal”. Manuel González, quen levara adiante o festival Filminho, di que “todo radica na diferenza dentro da narrativa, a ruptura de códigos e para algunhas persoas é a única maneira que existe de facer cinema”.

Alberte Pagán, para moitas e moitos o maior paradigma do cinema independente en Galicia, pero que segundo el mesmo non se considera independente, este cinema “non busca capital, sería unha maneira case artesanal”.

AS RAÍCES

As iniciativas que apareceron na década dos 90 para darlle forma a unha industria cinematográfica en Galicia foron quedando máis que nada, nunha produción televisiva, primeiro ligada á CRTVG e logo, co paso do tempo, a outras canles cando se abriu a iniciativa privada. Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, AGAPI, considera que neste campo, o audiovisual máis televisivo, Galicia está colocando no mercado bos produtos, grazas sobre todo “a unha nova xeración de persoas que andan entre os 30 e 40, desenvolvíanse noutros idiomas e isto fixo que se movesen en festivais no estranxeiro, como o MIP TV”.

Pero por outra parte, Dolores Ben considera que aínda con todo “hai moito talento que non se aproveita, existen numerosas escolas de audiovisual e o certo é que todas esas persoas que se forman non sobran”.

Por que citamos á presidenta de AGAPI? É simple, ela mesma apunta a que hai moitas persoas formadas nas escolas de imaxe e son. Ese potencial non é absorbido na súa totalidade. Que fai entón? Pois unha das saídas é volverse independente. Foi o caso de Adrián Canoura cuxo traballo “agora mesmo é 100% produción propia, autoproducida”.

PERO EXISTE?

A resposta “si, existen filmes que responden a unha produción lixeira, non convencional” dentro de Galicia. Quen así asevera é Iván Ambruñeiras, do Cineclube de Compostela. Segundo apunta Ambruñeiras, logo da primeira década dos 2000, a obsesión por crear unha industria cinematográfica en Galicia foi decaendo. “Chegaron autores sen esa obsesión industrial” que foron creando unha marca de conxunto denominada Novo Cinema Galego. Ditos autores “actualizaron a creación en Galicia poñéndoa parella ao que se facía no ámbito internacional” remarca Iván Ambruñeiras.

Manuel González incide en que “se falamos de cinema independente, o Novo Cinema Galego era o exemplo, aínda que agora mesmo andaría algo máis ao abeiro da industria, pero o máis interesante en Galicia é precisamente ese tipo de traballos” nacidos baixo a denominación que González indica.  Xurxo Chirro tamén afirma “si que existe ese cinema independente galego, pero habería que fomentalo máis” debido á pouca repercusión económica que pode ter para o autor ou autora. “Non se podería vivir del máis alá de cinco anos” sinala Chirro. É Alberte Pagán finalmente, quen non parece moi convencido da existencia deste cinema cando di que “empeza a haber algo parecido”.

A resposta afirmativa da maioría de testemuños recollidos dá pé a confirmar a existencia dun cinema galego e independente. Tamén se podería dicir que naceu para ofrecer un produto diferente a producións “máis ligadas ao que sería costumes e tradicións” como di Iván Ambruñeiras. É un cinema adaptado a unha visión máis cosmopolita sen esquecer de onde vén. De aí que existan hoxe persoeiros como Óliver Laxe que ten unha produción case referencial en Europa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta