Temas: PPDEG FEIJóO

Feijóo engraxa a maquinaria electoral ao estilo Fraga: empanada, polbo e viño para o pobo

O líder dos conservadores dáse un baño de masas en Santiago na 'Romaría Popular' do PP da Coruña, que confía en recuperar o terreo perdido en 2015.

Por E.P. | Santiago de Comnpostela | 21/04/2018 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia atópase xa en plena carreira para as eleccións municipais do próximo ano nas que espera recuperarse do retroceso sufrido en 2015, cando, a pesar de manter a súa posición como partido dominante da escena local a nivel galego, no ámbito urbano só puido facerse coa alcaldía da cidade de Ourense, a provincia na que reside o seu único goberno provincial na actualidade.

Feijóo e Diego Calvo na II Romaría Popular do PP da Coruña
Feijóo e Diego Calvo na II Romaría Popular do PP da Coruña | Fonte: Europa Press

Se a pasada fin de semana foi a quenda de Pontevedra cun acto en recoñecemento a alcaldes e concelleiros da provincia xa falecidos, esta fin de semana tocoulle á Coruña. Santiago foi o lugar escollido para a segunda edición da 'Romaría Popular' do PP coruñés, un evento que naceu o pasado ano con vocación de quedar e que evoca ás grandes comidas populares coas que Manuel Fraga chegou a reunir a 10.000 persoas no Monte do Gozo.

Unhas 4.000 persoas, segundo o PP da Coruña, chegadas dos 93 municipios coruñeses nos seus coches particulares e en máis de 60 autobuses fretados para a ocasión déronse cita no recinto feiral de Amio, na contorna de Santiago, onde puideron gozar dun menú popular que tamén lembra aos tempos do 'fraguismo': empanada, polbo, viño e 'carne ao caldeiro' a 20 euros por comensal.

Aínda que inicialmente estaba previsto que o municipio do Pino volvese acoller a romaría como xa fixo na primeira edición, o longo inverno que viviu Galicia este ano provocou o cambio de plans e que a cita se trasladase ao recinto feiral de Amio, un lugar marcado nas páxinas recentes da política galega, pois foi alí onde o BNG celebrou unha asemblea nacional que certificou a súa fractura, dando inicio a un proceso que transformou o panorama político de Galicia.

Na súa intervención, o presidente autonómico e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, non desaproveitou a coincidencia de atoparse no mesmo lugar no que o nacionalismo galego puxo fin a anos de unidade. De Amio saíu o BNG fragmentado en tres partes e unha desas patas deu lugar ao nacemento, anos máis tarde, das mareas municipalistas ás que, agora, os populares tratan de arrebatar os gobernos das cidades coruñesas: Santiago, Ferrol e A Coruña.

Feijóo contrapuxo aquel episodio de "división, fractura e decepción" do nacionalismo galego coa "unidade" que exhibiu o seu partido este sábado en Amio, un lugar que, segundo o mandatario, "será a partir de hoxe un sinónimo de proxecto de unión" grazas "ao partido que máis se parece a Galicia".

OBXECTIVOS: A CORUÑA, FERROL E SANTIAGO

O amplo recinto de Amio xa estaba repleto de comensais cando fixo acto de presenza o presidente galego, acompañado á súa entrada polo presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo; o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e varios dos responsables municipais na provincia, como Rosa Gallego (A Coruña) e Agustín Hernández (Santiago).

Tampouco faltaron á cita os conselleiros da Xunta da provincia, como Ángeles Vázquez (Medio Rural), Beatriz Mato (Medio Ambiente) e José Manuel Rey Varela (Política Social). Precisamente estes últimos —Mato e Rey Varela— e o tamén ex-conselleiro Agustín Herández figuran nas quinielas para converterse nas cabezas de lista dos populares na Coruña, Ferrol e Santiago, respectivamente.

E é que recuperar os gobernos das tres cidades coruñesas é un dos obxectivos primordiais que figuran na axenda do PP para as eleccións locais do próximo ano, cita na que tamén confían en que redimirse do revés sufrido en 2015 no ámbito urbano da provincia sirva aos populares para volver facerse coa Deputación, hoxe en mans de PSOE e BNG.

Fronte á "parálise" e o "desánimo" que, segundo Feijóo, instalaron en Ferrol, A Coruña e Santiago os gobernos das mareas municipalistas, o mandatario popular reivindicou a "humildade", "potencia" e "solidez" do PP: "o partido demócrata de verdade de Galicia e de España".

Con todo, os populares son conscientes de que superar en número de votos aos seus adversarios non é suficiente para facerse coas alcaldías, como lembrou Diego Calvo na apertura do acto. "Temos o listón máis alto que o dos outros", apuntou o expresidente da Deputación en referencia aos "pactos de perdedores" que obrigan ao PP a "traballar por unha maioría". "Outra cousa non nos vale", apostilou.

POLBO, 'SELFIES' E ORQUESTRA

Terminados os discursos de Calvo e Feijóo, a comida fixo acto de presenza e foi recibida con aplausos dos comensais que, repartidos por municipios, abarrotaban as longas mesas instaladas no recinto, onde tamén había inchables para os máis pequenos e un futbolín no que a organización xuvenil do PP, Novas Xeracións, organizou un torneo.

Despois da sobremesa e o café, foi a quenda das fotos, sendo Feijóo un dos máis solicitados. Logo de case unha hora de 'selfies' e fotografías coas distintas "familias" locais do partido, o líder do PPdeG abandonaba Amio acompañado, esta vez, por Tellado, Beatriz Mato e Agustín Hernández cando a orquestra 'Finisterre' comezaba a pór a nota musical á xornada coas súas primeiras cancións.

Temas: PPDEG FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

6 Catabois

Fixádevos que nivelazo: un montón de vellos mantidos coma cochos, parecen sacados do país do pingo: unha especie de subespecie entre os neanderthal e os autralopitecus. O peor é que grazas a eles a xente normal ten que aguantar esta estulticia. Iso si, señoritos da cidade vense poucos porque como escoitei algunha vez: "huelen" (supoño que os finolis urbanitas peposos prefiren o fume dos coches). Isto demostra como esa subespecie non chega ao nivel normal de intelixencia porque entón non lles votarían aos que realmente representan a eses individuos.

5 comunista independentista

Faltaban as poltronas e mejutos do bloque, os grandes arietes contra as mareas.

1 PAS PAN

Que patético es... Supoño que Galiza é así porque hai mlios coma ti.

4 Alén

A clase dirixente coa masa votante. Viva Castilla la Mancha de graxa

3 Alén

Borregada popular con cheiro a defecacións de gando no mercado de Amio. Qué noxo!

2 marea pepeira

COMA 20 EUROS!!!! ONDE FORON PARAR OS CARTOS!!!- meteron pouco e malo, moito cheiraba a vitela e untos e o polBo do marrocos, moitos decían con quen??? o viño era peleon do tetrabric o que fixo que moitos do pepeiro están pensando no triangulo equilátero de abaixo, a comida foi moi porca remataron guindando millo polo chao para que os gallináceos picaran en plan, galo pica no chao, ACTO TOTALMENTE IMPROPIO, de xente de untada da malicia, alguns "hipócritas" da comunista, están criticando agora, pero esperemos que digan o mesmo cando o GOLFIÑO MERENDIÑO ALCALDE DE santiAGE de componendas faga a mesma trangallada empanada de esterco, hamburguesa, e "polBos" e lembrade xa que falan de amio que o faimerrich- eo vello -Vieiras foron os que trataron destruir o nacionalismo galego e agora os ves afundidos no podreiro...