Temas: SAúDE SERGAS SEXO

O Sergas aconsella o coitus interruptus como método anticonceptivo

Mantén nun folleto a coñecida como marcha atrás como un dos métodos eficaces para evitar o embarazo. As feministas considérano "perigoso" e acusan a Xunta de desinformar á cidadanía.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/04/2018 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) mantén na súa páxina web un folleto sobre métodos anticonceptivos que propón o coitus interruptus como un xeito válido para evitar os embarazos. No folleto lese: "Coito interrompido (Marcha atrás): Eficacia: 73 ao 96%. Consiste en retirar o pene da vaxina antes da exaculación, que non debe producirse cerca da vulva. A eficacia anticonceptiva depende de se se emprega correcta e sistematicamente. Non protexe de ITS [infeccións de transmisión sexual]". 

O Sergas aconsella a marcha atrás como método anticonceptivo
O Sergas aconsella a marcha atrás como método anticonceptivo | Fonte: Pilar Fernández.

O folleto pode ser consultado e descargado desde a páxina web do Sergas, onde se mantén a versión de abril de 2010 deste folleto, pero tamén circula en formato impreso a edición de novembro de 2015, que tamén contén a coñecida como marcha atrás como método anticonceptivo eficaz.

A publicación inclúe tamén outros métodos cuestionados, como o chamado Método do Calendario (Ogino – Knaus), que "consiste en calcular os días teóricos que son fértiles e evitar coitos vaxinais eses días", detállase no folleto da Xunta, que outorga a este método unha eficacia de entre o 75% e o 91%.

O folleto do Sergas introduce afirmacións tan sorprendentes e desconcertantes como que "non existen métodos bos e métodos malos". Así, sitúa no mesmo plano a marcha atrás e os preservativos masculinos e femeninos ou a anticoncepción hormonal.

A polémica está nas redes sociais, onde varios usuarios están a denunciar que o Sergas aconselle o coito interrompido como método anticonceptivo.

"Señor Feijóo, eu non sei si o seu gabinete tomou a decisión de resolver o 'problemiña' demográfico con este panfleto. Isto é unha verdadeira aberración, particularmente para as mulleres", denunciou Pilar Fernández en Twitter, quen considera que "é de todo insultante, irresponsable e neglixente".

A Plataforma Feminista Galega considérao un folleto "perigoso" e denuncia que "fronte as demandas de educación sexual, respostan con desinformación".

Temas: SAúDE SERGAS SEXO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 antiburras

Ou facer unha palla ¡¡¡

1 Rosa

Claro, porque o sexo é cousa de homes. Ai! ese machismo medular