Cine sobre sexo e diversidade funcional en Vigo

O Festival de Cinema Inclusivo abordará a vida sexual das persoas con diversidade funcional.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/04/2018 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O certame da cidade olívica celebrará unha xornada sobre as relacións sexuais vividas polas persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional. Para iso, o día catro de maio a partir das 21:00 horas abrirán a sección “Novas Miras” no Auditorio do Concello. É un novo espazo creado coa intención de abrir un espazo de debate sobre aspectos pouco tratados da realidade que viven as persoas con diversidade funcional. 

Penumbra
Penumbra | Fonte: festival cine inclusivo

A xornada comezará coa presentación do profesor Robert Casas, da Universidade Hood College de Frederick, Estados Unidos. O tema da súa presentación será “Deseos proyectados: sexualidad, empatía y reivindicaciones políticas en “Vivir y otras ficciones””. Despois da exposición proxectarase o filme  “Vivir y otras ficciones”, presentado na 64º edición do Festival de San Sebastián e premiado coa Violeta de Ouro do Festival Cinespaña de Toulouse, Francia.

A fita pon o acento sobre a necesidade sexual e as dificultades que teñen as persoas con diversidade funcional para satisfacela. Segundo a crítica, trátase dunha excelente oportunidade para reflexionar sobre a liberdade de cada ser humano. E tamén para mirar de frente una realidade que rara vez se nos amosa, tanto no cine como na vida.

XERACIÓN WIFI

Por outra banda, o Festival tamén proxectará a webserie “Generación Wifi” o sábado 5 de maio ás 11 da mañá no Auditorio Praza do Rei. Esta peza está protagonizada por Valeria, unha trintañeira en paro enganchada ás novas tecnoloxías. Canda ela estarán compañeiros do traballo con síndrome de Down, a súa mellor amiga que é cega e o seu veciño, un rapaz xordo. Entre todos axudarán a Valeria a ver a vida dende outra perspectiva.

A continuación, ás 11:45 horas, o profesor da Universidade de Vigo Pablo Romero, director do novo observatorio galego de accesibilidade aos medios (GALMA), ofrecerá unha charla sobre cine accesible. Nela se presentará a iniciativa accesible filmmaking (produción cinematográfica accesible), que consiste na integración da tradución e a accesibilidade como parte do proceso de produción cinematográfica e na que leva traballando dez anos coa ONU, gobernos, produtoras e universidades de todo o mundo, promovendo un cine que ten en conta non só a os espectadores da versión orixinal, senón tamén aos das versión traducidas e accesibles.  Ambas propostas son de acceso gratuito ata completar aforo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta