Temas: PESCA

8,2 millóns de multa ao dono galego do pesqueiro pirata máis famoso do mundo

A organización ecoloxista Sea Shepherd celebra que España multe a Florindo González Corral e agarda que acabe no cárcere. Corral era o dono do 'Thunder', o pesqueiro pirata máis buscado do mundo, afundido no ano 2015.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/04/2018 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O nome de Florindo González Corral está ligado ao que foi o pesqueiro pirata "máis infame do mundo", o Thunder, afundido deliberadamente o 6 de abril de 2015, preto da illa de Santo Tomé e Príncipe, fronte o Golfo de Guinea, logo de ser perseguido durante 110 días por un barco da organización ecoloxista Sea Shepherd, que sorprendera o Thunder pescando ilegalmente no banco Banzare. Agora, o empresario galego foi condenado a pagar unha multa de 8,2 millóns de euros tralas accións emprendidas polo Goberno de España.

O Thunder afundíndose no Golfo de Guinea nunhas imaxes tomadas dende o Sea Sephard, o buque ecoloxista que o perseguía
O Thunder afundíndose no Golfo de Guinea nunhas imaxes tomadas dende o Sea Sephard, o buque ecoloxista que o perseguía | Fonte: Sea Shepard

O Thunder era un barco buscado pola Interpol por estar involucrado en máis de dez anos de pesca ilegal, antes de que o seu capitán afundise deliberadamente o barco no Golfo de Guinea. O capitán e dous membros da súa tripulación, que foron rescatados polos tripulantes do barco de Sea Shepherd, foron condenados a tres anos de cárcere e multados con 15 millóns de euros por un tribunal da illa Estado de San Tome e Príncipe no ano 2015. Pero o escorregadizo dono permanecera fóra do alcance dos tribunais ata agora, agochado tras empresas tapadeiras con sede en refuxios opacos.

Unha combinación das probas obtidas por Sea Shepherd achadas no barco antes de afundirse, o xornalismo de investigación de Kjetil Saeter e Eskil Engdal do Norwegian Business Daily e as accións levadas a cabo en dependencias dos armadores galegos por parte de axentes do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), a Garda Civil e Interpol, revelaron a conexión directa de González Corral co Thunder.

Ademais das multas repartidas entre tres empresas e oito persoas vinculadas ao Thunder, a sentenza impón unha prohibición para pescar e recibir subsidios estatais aos condenados durante un período de 12 anos.

A coñecida como “Operación Sparrow” —como o personaxe de Johnny Depp nos filmes de Piratas do Caribe—, centráronse previamente noutras empresas de pesca pirata galegas, entre elas, Vidal Armadores, multada no ano 2016 con 17,8 millóns de euros.

Un tripulanta do Sea Shepard observa o sospeitoso afundimento do Thunder
Un tripulanta do Sea Shepard observa o sospeitoso afundimento do Thunder | Fonte: Sea Shepard youtube

Unha causa criminal aparte por branqueo de diñeiro e outros delitos foi presentada contra a familia Vidal por parte da Garda Civil, pero o Tribunal Supremo de España, co voto en contra dun xuíz, ditaminou que non tiña xurisdición neste caso.

“O traballo de MAPAMA e da Garda Civil foi vital para cambiar a percepción internacional de España como refuxio de pescadores piratas. As multas impostas contra o Thunder son unha importante mostra de que as autoridades españolas van continuar perseguindo os piratas da pesca. Sea Shepherd aplaude o traballo do MAPAMA, da Garda Civil e de Interpol ao perseguir o dono do Thunder en terra moito tempo despois de que terminase a persecución por mar”, comentou o capitán Peter Hammarstedt, director de Campañas de Sea Shepherd, quen perseguiu o Thunder durante 110 días.

“Aínda así, o Thunder conseguiu uns beneficios de 50 millóns de euros durante a súa carreira de pesca ilegal, unha cifra moi por enriba destes 8,2 millóns de euros de multa. Sea Shepherd quixera ver ao dono do Thunder xunto ao seu capitán cumprindo condena de cárcere e por tanto desexamos que estas sancións administrativas vaian seguidas de acusacións criminais” concluíu o capitán Hammarstedt.

Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta