O acusado de matar a golpes á súa noiva en Vigo admite que a atacou sen que ela puidera defenderse

O home presentouse en Comisaría unhas horas despois, coas mans ensanguentadas, e confesou o crime

Vigo | 23/04/2018 | Actualizada ás 19:05 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O home acusado de matar a golpes á súa parella nun piso de Vigo o 6 setembro de 2015, admitiu este luns, ante o tribunal que o xulga, que golpeou á muller até matala, sen que ela tivese posibilidade de defensa, xa que estaba no chan.

Xulgan a un acusado de matar á súa noiva a golpes
Xulgan a un acusado de matar á súa noiva a golpes | Fonte: Europa Press

Así o manifestou D.P.A., na súa declaración no xuízo que comezou este luns na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, e ante o tribunal do xurado (sete mulleres e catro homes) que axuizará os feitos.

O acusado recoñeceu que esa tarde mantivo unha discusión coa súa parella, D.P.M., debido aos celos, e que lle propinou golpes e patadas. Aínda que afirmou que non lembraba darlle unha primeira puñada que a fixo caer, si admitiu que a agrediu cando ela estaba no chan, sen posibilidade de defensa.

Do mesmo xeito, relatou que deixou de golpeala cando sentiu que alguén chamaba á porta e que, após confirmar que a vítima non tiña pulso, púxose a dar voltas pola casa "coma un descerebrado", antes de recoller as súas cousas e marcharse de alí.

D.P.A. dirixiuse na súa furgoneta cara Nigrán, pero tivo un accidente de tráfico e abandonou o vehículo. Entón "reflexionou", decidiu volver e, cando camiñaba en dirección a Vigo, un coche recolleuno.

Segundo explicou o propio acusado, relatou aos ocupantes dese coche que acababa de matar á súa noiva e que necesitaba que o levasen a Comisaría para entregarse.

ENTREGA E CONFESIÓN

Dous axentes de Policía Nacional, que se atopaban no acceso á Comisaría viron chegar a este home, coas mans ensanguentadas, segundo relataron na súa declaración como testemuñas, e este confesoulles o crime. "Sorprendía o tranquilo que estaba, relatando uns feitos tan graves", sinalou un dos axentes.

Segundo estes policías, o mozo explicoulles que discutira coa súa parella por celos, xa que ela exercía a prostitución, e que a golpeou até matala. Así mesmo, un dos axentes sinalou que D.P.A. mantiña un relato coherente, que estaba sereno e que chegou a preguntar se, polo que acababa de facer, iría ao cárcere. "A súa preocupación era se no cárcere ía poder estudar", engadiu esta testemuña.

ACUSACIÓN

O Ministerio Fiscal pide para o acusado unha pena de 24 anos de prisión, como presunto autor dun delito de asasinato, e mantén que actuou con aleivosía (posto que a vítima non tivo oportunidade de defenderse) e ensañamiento (xa que o agresor golpeouna de forma violenta, con "ira", e causando un "dano innecesario").

Así mesmo, a acusación pública pide que se apliquen as agravantes de parentesco e xénero, aínda que recoñece a circunstancia atenuante de confesión, e o feito de que o acusado mantivese desde o principio da instrución a súa versión autoinculpatoria.

Precisamente por iso, a Fiscalía xa avanzou que posiblemente reduza a súa petición de pena, que inclúe tamén medidas de afastamento e prohibición de comunicarse co fillo da vítima, así como unha indemnización a este por 300.000 euros.

Neste proceso, tamén son parte a acusación particular (en representación do fillo da falecida) e a acusación popular, que exercen a Avogacía do Estado e unha letrada da Xunta, debido ao tipo de crime e a súa repercusión social.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta