Temas: VALDEORRAS

Valdeorras propón un "brinde de sensacións" para captar mercado

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras activa unha nova campaña promocional dos viños da comarca baixo o eslogan ‘Un brinde de sensacións’.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 24/04/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A presentación á prensa desta iniciativa correu a cargo do presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, e do vicepresidente da entidade, Marcos Prada. Ambos pormenorizaron os detalles dunha campaña que pretende seguir fortalecendo a marca Valdeorras.

Imaxe gráfica para a nova campaña.
Imaxe gráfica para a nova campaña.

A campaña, baixo o lema “un brinde de sensacións”, divulgarase a través de diferentes canles e soportes entre as que salientan a prensa en papel xeralista e tamén a especializada, portais web, blogs, redes sociais e vallas publicitarias. Esta acción servirá para seguir avanzando na creación de marca que, segundo indicou García Pando, “é unha das materias pendentes do Consello Regulador co cal unha parte importante do orzamento deste ano destinarase a accións de promoción e comunicación”. Así mesmo, en relación á comunicación da marca Valdeorras, comentou que “pouco a pouco recibimos noticias que nos amosan que imos polo bo camiño. Así, recentemente, facíase público un estudo elaborado pola consultora Castro Galiana que desvelaba que a nosa D.O. e as súas bodegas e viños incrementaron a súa notoriedade mediática durante o ano pasado”.

Nesta aposta clara por continuar favorecendo accións de comunicación o presidente da D.O. apuntou que os viños da comarca estiveron en Alimentaria Barcelona e que proximamente serán presentados na prestixiosa London Wine Fair. “Temos a intención de desenvolver accións de promoción na Coruña, Madrid e no sur de España”, avanzou, para continuar destacando que os viños de Valdeorras tamén poderán degustarse en foros gastronómicos como Enofusión ou San Sebastián Gastronómika.

Nova imaxe gráfica

Pola súa banda, Marcos Prada, vicepresidente do CRDO Valdeorras, explicou os pormenores da nova creatividade concibida para promocionar os viños da comarca. Destacou que “coa renovada imaxe gráfica que se presenta pretendemos chamar a atención dos nosos grupos de interese e situarnos como unha organización en evolución”.

Presentación campaña DO Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras
Presentación campaña DO Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras

A campaña tenta “seguir fidelizando ao noso público obxectivo de maior idade, con elementos elegantes e clásicos, e tamén atraer un público máis xoven, enfocando o concepto no produto final e nas emocións que transmiten os nosos viños cando se degustan”, continuou.

A creación gráfica que será a imaxe da nova campaña publicitaria é o resultado dunha composición que combina o lema ou eslogan en dúas tipografías diferentes e a representación dunha copa en movemento de brinde. Segundo Marcos Prada “trátase dunha campaña máis conceptual na que se emprega unha tipografía manuscrita para as palabras Valdeorras e sensacións co obxecto de proxectar elegancia, sofisticación, calidade e proximidade co cliente final e a imaxe da copa de viño posúe unha gran forza porque realmente non se ve o cristal, senón que a súa forma está creada polo viño ao axitarse no seu interior”.

Tamén resulta importante no deseño da copa que se xoga con dúas cores representativas das principais variedades de uva na comarca, o godello e o mencía. “As pingas que se debuxan transmiten fluidez e axudan ao ollo a definir o concepto dunha copa abstracta de viño e cada pinga representa ás uvas brancas e tintas coidadas con esmero que protagonizan os nosos excelentes viños e que estalan no padal en mil sensacións diferentes”, finalizou Prada.

A pregunta de Galicia Confidencial sobre a lingua empregada na campaña, José Luis García Pando respondeu que se empregará a que corresponda segundo se poña o foco da promoción. O eslogan de base é en castelán pero adaptarase ao galego e ao postugués segundo os casos.

García Pando e Marcos Prada diante do CRDO Valdeorras.
García Pando e Marcos Prada diante do CRDO Valdeorras.
Temas: VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

A ver se entrades en Ferrol que hai moita "riojitis" jejejeje