Os insecticidas, o outro gran perigo das abellas

Máis de 110 entidades pídenlle ao Goberno central que prohíba o uso deste tipo de produtos moi perigosos para esta especie xa ameazada pola vespa velutina.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/04/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os insecticidas convertéronse xa no principal problema que teñen as abellas para garantir a súa supervivencia, que tamén está seriamente cuestionada tras a chegada da vespa velutina. O problema é tan serio que xa chegou á Comisión Europea que vota o vindeiro vernes a posibilidade de estender as restricións a tres insecticidas neonicotinoides (clothianidin, imidacloprid e tiamethoxam) .

Abella libando a flor do melón
Abella libando a flor do melón

Por iso, máis de 110 entidades estatais e internacionais (incluíndo varios países da Unión Europea) enviaron este luns unha carta ao ministro de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, que solicita o apoio de España a esta proposta. Lémbranlle que o 28 de febreiro, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) confirmou o perigo para as abellas destes tres insecticidas amplamente utilizados. 

Despois de revisar máis de 1.500 estudos científicos sobre imidacloprid, clothianidin e tiamethoxam, a EFSA confirmou que estes produtos químicos representan un alto risco para as abellas e que as restricións da Unión Europea impostas en 2013 e apoiadas por España son insuficientes para controlar estes riscos.

APOIO DE ALEMAÑA E AUSTRIA

Fai máis dun ano, en marzo de 2017, a Comisión Europea propuxo a extensión da prohibición de tres insecticidas, excepto cando se utilizan en invernadoiros. Algúns gobernos europeos, entre eles España, solicitaron en decembro de 2017 que agardase que as conclusións da EFSA definisen a súa posición, aínda que moitos deles xa expresaran o seu apoio ás propostas da Comisión. Recentemente, Alemaña e Austria publicaron o seu apoio a estas propostas. 

“O goberno español ten unha oportunidade única nesta votación para demostrar o seu verdadeiro compromiso coa protección das abellas e outros polinizadores, logo de unirse á Coalición para a Conservación dos Polinizadores durante a Conferencia das Partes (COP) sobre a biodiversidade en decembro de 2016 e despois de que en 2013 apoiou a prohibición parcial de neonicotinoides”, apuntan desde Adega.

Actualmente hai unha dúbida crecente sobre os beneficios dos neonicotinoides no control das pragas. Os ecoloxistas lembran que investigacións recentes do grupo de traballo sobre pesticidas sistémicos (un panel científico internacional) suxiren que os neonicotinoides non son tan efectivos como disuasión das pragas como se pensaba e aseguran que poden ser substituídos por alternativas sostibles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta