Os produtos da pesca local e artesanal chegarán a hospitais e escolas

A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo incorpora nove emendas a favor deste sector que levou a Bruxelas a eurodeputada Lídia Senra, entre elas, etiquetaxe máis clara, favorecer a venda direta, aumentar as cotas e estudar o impacto das importacións.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 25/04/2018 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo instará aos gobernos europeos a incorporar os produtos da pesca artesalan a hospitais e escolas. Así se recolle no informe que vén de aprobar “Optimización da cadea de valor no sector pesqueiro”, no que, ademais, incorpora nove emendas a favor deste sector impulsadas pola eurodeputada galega Lídia Senra.

Pescadería
Pescadería | Fonte: EP

Entre as propostas aprobadas atópase o fomento da cooperación entre o sector público e o sector pesqueiro mediante o subministro a establecementos públicos -tales como escolas e hospitais- con produtos procedentes da pesca local. Esta era unha das reivindicacións históricas dos traballadores e traballadoras da frota artesanal xunto ca pertinencia de que as estratexias de comercialización adaptadas ás especificidades locais inclúan a posibilidade da venda directa.

O PE tamén insta a poñer en marcha unha etiquetaxe do peixe, tanto fresco como transformado, na que se indique claramente a orixe do produto; así como a posta en marcha de programas de formación e concienciación nas escolas e institucións sobre a importancia do sector e do consumo local de peixe. “A mocidade debe coñecer o valor económico, social e cultural do sector artesanal galego nas vilas costeiras e a importancia de consumir os produtos locais para permitir que este sector sobreviva e teña futuro”, recalcou Senra. Para avanzar neste sentido solicitou tamén que a Comisión Europea realice un estudo sobre o impacto das importacións de peixe na pesca local, emenda que tamén foi incorporada ao texto da proposta de informe.

PEQUENOS PRODUTORES

A nivel de articulación do sector pesqueiro, a comisión de Pesca tamén deu o visto bo a que se rebaixen os mínimos de produción esixidos para entrar nas Organizacións de Produtores, favorecendo deste xeito a entrada de pequenos produtores. Ademais recolle que as axudas concedidas para mellorar a seguridade e a hixiene a bordo non entren en concorrencia competitiva e se doten dun maior orzamento dedicado ao sector artesanal.

“Estamos contentas de que dende a Eurocámara se vaia avanzando no recoñecemento da importancia da pesca artesanal e local, o seguinte paso será a votación na sesión plenaria do Parlamento Europeo, onde este texto debe ser referendado;  logo agardamos que a Comisión Europea plasme estes avances en medidas concretas”, explicou. Con todo, Senra reclamou "cotas dignas para os mariñeiros e mariñeiras da frota artesanal e un maior control dos recursos”, tal e como recolleu outra das súas emendas adoptadas.

A eurodeputada galega conseguiu tamén introducir unha crítica explícita á falta de execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ao terse aprobado a emenda na que solicitou a aplicación dun maior nivel de control e transparencia ás administracións pertinentes, así como unha mellor xestión das partidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta