Feijóo sobre a dimisión de Cifuentes: “En política as regras de xogo son así”

“Erros que na vida privada son erros difíciles de xustificar, na vida pública son absolutamente inxustificables”, di o presidente da Xunta que non dimitiu tras coñecerse as súa amistade co narco Marcial Dorado.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/04/2018 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

"Ás veces cométense erros e eses erros teñen unha transcendencia pública. Os políticos sabemos que erros que na vida privada son erros difíciles de xustificar, na vida pública son absolutamente inxustificables". Deste xeito se referiu o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, á dimisión de Cristina Cifuentes.

Cifuentes e Feijóo
Cifuentes e Feijóo

"É unha decisión correcta, proporcionada e inevitable. Celebro que sexa así", afirmou en declaracións aos medios, tras anunciar Cifuentes a súa dimisión, despois de estourar hai máis de 30 días a polémica da falsificación do seu máster na Universidade Rei Juan Carlos (URJC) e ao publicarse, este mesmo mércores, un vídeo na que lla sorprendeu roubando cremas nun supermercado.

Feijóo considerou que era "inevitable" que Cristina Cifuentes dese o paso de dimitir como presidenta da Comunidade de Madrid e dixo que celebra a decisión. Preguntado se a campaña de acoso que denunciou Cifuentes ao confirmar publicamente a súa dimisión procede desde dentro do propio PP, Feijóo dixo: "Non o sei, non teño información para opinar sobre iso". En calquera caso, deixou caer que supón que "serán cousas que poida acreditar" a súa compañeira de partido.

"Tomouse a decisión correcta. Unha decisión proporcional, dolorosa. Pero en política as regras de xogo son así", agregou, despois de que con anterioridade sinalase que, "ante situacións complexas", é preciso "tomar a decisión máis drástica, que é unha dimisión, para salvar os intereses xerais da Comunidade de Madrid.

Curiosamente, a dimisión de Cristina Cifuentes contrasta coa decisión de Núñez Feijóo de non dimitir cando se fixeron públicas unhas fotografías súas co narco Marcial Dorado. Unha amistade que Feijóo sempre cincunscribiu a súa vida privada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta