Mófase a dirección do hospital de Monforte dos traballadores en folga?

Acusan a varios mandos de saír dos seus despachos para "pavonearse e provocar" o persoal que está en folga pola excesiva carga de traballo.

Por Galicia Confidencial | Monforte | 25/04/2018 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O persoal do hospital de Monforte de Lemos está mobilizado ante a precaria situación que se vive neste centro, con sobrecarga de traballo nas plantas e deficiencias no centro. Así, na mañá deste mércores houbo unha concentración dos traballadores, que, cantando, pedían a dimisión da subdirectora de enfermaría, "a peor que pasou por este hospital", aseguran.

Concentración de traballadores en folga do hospital de Monforte
Concentración de traballadores en folga do hospital de Monforte | Fonte: CIG.

O delegado da CIG, Vicente Vázquez, denunciou unha situación que resulta esperpéntica. Mentres os traballadores cantaban, pedindo dimisións, á subdirectora "non se lle ocorre outra cousa que saír do seu despacho e pavonearse e provocar o persoal coma se estivese nun desfile de lencería". 

Mais a cousa non quedou aí. Segundo Vázquez, "para rematala, o subdirector de Xestión sae tamén a bailar ao ritmo da música".

Para a CIG, estas actitudes "non teñen graza ningunha" e cren que "estes señores non se dan conta da gravidade da situación".

Por todo isto, queren recordar á xerencia do hospital que están de folga, solicitan que se lle pida aos mandos "que se conteñan un pouco" e avisan de que "a mellor forma de solucionar os problemas non é saír dos despachos a provocar o persoal".

Para Vázquez, a xerencia debería "poñer algo de cordura, chamar o comité de folga e tentar parar isto, que xa se lle foi das mans", e considera que "este hospital non se merece esta dirección".

Os traballadores do hospital de Monforte de Lemos comezaron este martes unha folga indefinida os martes e xoves polas malas condicións de traballo dos sanitarios, as deficiencias do hospital e a falta de cobertura dos especialistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Nati pp

Hai que poñerlles nomes e apellidos a estes dous elementos

1 Dr. Bacterio

E por que o resto do persoal do Sergas en todo Galicia non os apoia ?.