Temas: FOLGA XUSTIZA

Parte dos sindicatos da Xustiza convocan o resto e á Xunta a unha reunión e critican o preacordo

Alternativas na Xustiza, CIG e STAJ negan ruptura de unidade sindical, pero USO pide que o comité se reúna o xoves ou entenderá que "queda roto".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/04/2018 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

Os sindicatos Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ convocan as outras catro centrais do comité de folga —SPJ-USO, UXT, CC.OO. e CSIF— e á Xunta a unha reunión este venres, 27 de abril (10.00 horas), para "pór fin ao conflito" na Xustiza.

Declaracións de sindicatos STAJ, CIG e Alternativas na Xustiza
Declaracións de sindicatos STAJ, CIG e Alternativas na Xustiza | Fonte: Europa Press

En declaracións esta tarde no campamento ante San Caetano no que permanecen membros deste tres sindicatos, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) explicou que "se convoca a todas as partes" a ese encontro, aínda que nega ruptura da unidade sindical a pesar de que esa convocatoria se realice só por unha banda dos representantes dos traballadores.

"Claro que estamos en unidade de acción, o que pasa é que os sindicatos que estamos nestes momentos neste campamento somos os que recibimos as peticións dos traballadores dicindo que queren non só chegar a un acordo, non só que esteamos os tres sindicatos, senón que os sete sindicatos sigamos na loita para chegar a un bo acordo", asegurou Valeiras.

Nesta liña, sostén que "a unidade sindical non está rota desde o punto e hora que a oferta que hai enriba da mesa por parte do comité é unánime", é dicir, unha suba de 140 euros ao mes lineal para todos os corpos con "unha cláusula de revisión que permita que os traballadores non perdan nunca o cuarto posto" en remuneracións entre autonomías.

Deste xeito, Valeiras incide en que esa convocatoria de reunión se fará ao resto de sindicatos polos medios habituais que "sempre" empregan para comunicarse "os sete sindicatos". "Simplemente un chamamento que coincide que estamos aquí estes tres sindicatos membros do comité, estes mesmos tres sindicatos máis os outros catro presentamos unha oferta e o único que pedimos é que se negocie sobre esa oferta", explicou.

Neste sentido, Enrique Araújo (STAJ) asegurou que se prevén celebrar asembleas este xoves, 26 de abril, que é unha "petición expresa dos funcionarios", para explicar "como está agora mesmo o seo do comité e as posturas dentro do comité".

CRÍTICAS AO PREACORDO

Todo iso aconteceu despois de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurase que existía un preacordo con catro dos sete sindicatos —SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.— para acabar coa folga do que se desmarcan os agora convocantes da reunión do venres, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ.

Na última reunión, a Xunta formulou unha última proposta que se traduce en 140 euros máis para os médicos forenses, 135 euros para os xestores, 127 para tramitadores e 122 para os auxilios, que se aplicaría en tres anualidades. Pola súa banda, os sindicatos, rebaixaron a súa pretensión de suba de 180 euros máis ao mes a 140.

Sobre este extremo, Óscar Freixedo (CIG) critica que "o preacordo que parece que existía coa Xunta non cumpre para nada as expectativas", pois "é un lastre para o futuro", cunha cláusula de revisión da Xunta que "non garante para nada a paz social", porque "dentro de tres ou catro anos" os traballadores galegos "poderían estar relegados" na escala de retribucións entre as comunidades que teñen competencias en Xustiza.

No día 78 da folga na xustiza galega, este sindicalista da CIG sinala que "os traballadores que están a pasar" polo campamento "reclaman que non se asine ese preacordo que existe", porque "é unha corda ao pescozo para o futuro". Por tal motivo, chama a "chegar a un acordo satisfactorio para todos os traballadores da xustiza galega".

"Rueda considerou que eramos persoas seguramente non gratas para chegar a un acordo ou un principio de acordo ou un preacordo", apuntou a continuación Valeiras. "Evidentemente nós que somos os tres sindicatos cos que Rueda non negociou non podemos facer un acordo que nós non negociamos", dixo.

Tamén lembra Valeiras que "foi a Xunta a que se levantou desa negociación". "Os sete (sindicatos) do comité mantivemos a mesma oferta e pedimos ao día seguinte seguir reunidos e eles (pola Xunta) dixeron que non se reunían máis", aclara.

"Non estamos dispostos estes sindicatos a deixa pasar outros 23 días como fixo a Xunta para outra convocatoria para acabar o conflito, parécenos unha esaxeración despois de dous meses e medio de folga", asegurou Enrique Araújo (STAJ). "Estamos moi preto e queremos que se acabe", agregou, mentres lembra que a proposta do comité "é a oficial".

Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) denunciou que "a responsabilidade" de que prosiga esta folga "é absolutamente de Alfonso Rueda" e "por inacción do señor Feijóo".

Censura que "están a alargar un conflito de maneira artificial" por circunstancias como "unha loita interna que ten a intención de deixar fóra de xogo na sucesión de Feijóo a Alfonso Rueda", con "o prexuízo que se está provocando na cidadanía". Por iso, insiste en que "non cabe outra cousa que cese" o vicepresidente da Xunta.

USO PIDE QUE O COMITÉ DE FOLGA SE REÚNA ESTE XOVES

Pola súa banda, SPJ-USO pediu que o comité de folga se reúna este xoves "coa presenza de todos os sindicatos que o integran" ou entenderá que "o devandito comité queda definitivamente roto".

Nun comunicado interno difundido entre os traballadores, este sindicato reprocha que "algúns membros do comité convocaron unilateralmente asembleas supostamente acordadas en nome dos traballadores", pero "ditas asembleas non son acordadas polo comité de folga", senón "por tres sindicatos a título individual".

Ademais, subliña que "de producirse convocatoria de negociación por parte da administración" SPJ-USO "acudirá á mesma a negociar sometendo, en todo caso, a proposta resultante a votación dos traballadores".

POSTURA DE UXT E CSIF

Manuel Carvajal (UXT) explicou sobre a unidade sindical que "hai moita disparidade de opinións", pero que o obxectivo é "seguir adiante todos" para chegar a acordo.

No tocante á convocatoria de reunión do venres, indica que "peticións de reunións hai todos os días" ata que acceda a sentar a Xunta.

Así mesmo, sobre a proposta de SPJ-USO para o encontro do comité de folga deste xoves, este sindicalista de UXT indica que se traballa para atopar unha data na que todos se poidan reunir.

Xunto a isto, o pasado martes o sindicato CSIF propuxo á Xunta de Galicia a mediación a través do maxistrado en excedencia Agustín Azparren para conseguir solucionar a folga indefinida. Así, esixiu a "as organizacións máis representativas" unha "actitude responsable na procura dunha proposta de acordo suficiente para ser sometida á decisión última e final do persoal de xustiza".

FOLGA DE XUÍCES E FISCAIS O 4 DE MAIO

Por outra banda, os xuíces e fiscais galegos informaron de que o próximo 4 de maio celebrarán unha xornada de folga no marco dunha protesta de ámbito estatal.

Nun comunicado, avanzan que para iso procuraron cobertura legal ás suspensións de dilixencias xudiciais e ausencias do órgano xudicial do titular ou do fiscal que decida acollerse ao seu dereito a folga e acudir á concentración que ese día terá lugar en Madrid (ás 13,00 horas).

Así mesmo, este xoves, 26 de abril, realizarán paros dunha hora entre as 12,00 e as 13,00 horas, que proseguirán ao longo dos xoves das próximas semanas.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta