O concello máis importante que goberna o PP na Coruña oponse á mega mina de Touro

Ribeira súmase así a outros seis concellos deste partido que non queren que se reabra a explotación mineira Cobre San Rafael entre Touro e O Pino polas súas posibles consecuencias no sector pesqueiro.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 26/04/2018 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

Xa son sete os concellos do PPdeG que non queren que se poña en marcha o mega proxecto mineiro en Touro e O Pino polo temor as posibles consecuencias que un desastre ambiental podería ter en toda a comarca da Arousa e de Santiago. O último en sumarse a esta negativa foi o de Ribeira, o concello máis grande que o PPdeG goberna na provincia da Coruña.

Terreos da mina de Touro
Terreos da mina de Touro

Os populares votaron este mércores, conxuntamente con todos os grupos da oposición, unha proposta conxunta sobre a importancia do sector do mar da Arousa na economía local desta localidade e de toda a ría e dos efectos negativos que o proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael podería ter para a comarca. A proposta, que foi lida polo alcalde, o popular Manuel Ruíz Rivas, foi aprobada por toda a corporación nun pleno no que tamén se atopaba xente do mar.ç

DESESTIMAR O PROXECTO

A moción aprobada insta ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria a desestimar a "autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación" e a emitir unha "declaracion ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente". Así mesmo, busca que a Xunta de Galicia promova "unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro", para asegurar que non comprometa a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa. 

As Plataformas contra a minaría destacan a importancia do sector do mar de Arousa na economía local. "A frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxilares", que representan "respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galicia". Cifran a actividade pesqueira do mexillón do ano 2016 en case 80 millóns de euros. A riqueza pesqueira e mariñeira "descansa sobre a riqueza ambiental existente na ría de Arousa e os ríos que desembocan nela, onde a saúde do río Ulla ten un papel fundamental, xa que alimenta de sedimientos e nutrientes á ría" subliña a iniciativa.

Vista da Ría da Arousa
Vista da Ría da Arousa | Fonte: Turgalicia

IMPORTANTE OPOSICIÓN

Son xa 21 os concellos que xa aprobaron a moción de rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira Cobre San Rafael. 

A iniciativa, impulsada polas asociacións veciñais en contra da mina, foi asinada por Arzúa (AA), Santiso (BNG), Lalín (CxG), Oroso (PSdG-PSOE), Teo (SON-ANOVA), Santiago (CA), Ames (PSdG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese, BNG), Catoira (PSdG-PSOE), Vilagarcía de Arousa (PSdG-PSOE), Rianxo (BNG), A Illa de Arousa (PSdG-PSOE), Cambados (PSdG-PSOE), O Grove (PSdG-PSOE), Ribadumia (IR); ademais de Vila de Cruces (PPdG), Vedra (PPdG), Padrón (PPdG), Pontecesures (PPdG), Vilanova de Arousa (PpdG),  Boiro (PpdG) e Ribeira (PPdG).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta