Aumentan os fogares con todos os familiares en paro

A taxa de paro xuvenil sitúase no 25,8%, após diminuír 0,5 puntos respecto ao trimestre anterior.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/04/2018 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

O número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumentou en 2.800 unidades no primeiro trimestre de 2018 en Galicia (+4,2%), de modo que alcanzou os 68.900, de acordo cos datos da enquisa de poboación activa (EPA) que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Fogares con todos os seus membros en paro en Galicia
Fogares con todos os seus membros en paro en Galicia | Fonte: Europa Press

Respecto ao primeiro trimestre de 2017, pola contra, esta tipoloxía de fogares diminuíu un 6,8%, o que significa que na actualidade hai 5.000 menos. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminuíu en 3.700 unidades, un 0,6%. O número de fogares nesta situación é de 579.800.

En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 21.800 fogares máis nesta situación, o que supón unha subida do 3,9% en termos relativos.

OCUPACIÓN DO 36,2% EN MOZOS

Dos 319.200 mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 115.600 (o 36,2%) están ocupados, 40.200 (o 12,6%) parados e os 163.400 (o 51,2%) restantes son inactivos.

Oficina Da Seguridade Social, Oficinas, Emprego, Desemprego, Desempregado
Oficina Da Seguridade Social, Oficinas, Emprego, Desemprego, Desempregado

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 36,2% no primeiro trimestre de 2018. Con respecto ao trimestre anterior, diminuíu cinco décimas; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2017 baixou tamén 0,5 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 25,8% neste trimestre; o que supón unha baixada de 0,5 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co primeiro trimestre de 2017 diminuíu 0,7 puntos.

FERROL MENOR OCUPACIÓN, PONTEVEDRA MAIOR PARO

Se se comparan os datos do sete grandes municipios galegos, o IGE destaca que Lugo e Santiago son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (54,9% e 51,2%, respectivamente) no primeiro trimestre de 2018.

Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (41%) e Pontevedra o concello con maior taxa de paro (17,6%), seguida da taxa ferrolá (16,9%).

A TEMPORALIDADE CAE UNHA DÉCIMA

En Galicia había 831.400 persoas asalariadas no primeiro trimestre de 2018, 609.700 con contrato indefinido e os 221.700 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior, rexistráronse 4.500 asalariados menos con contrato indefinido, o que supón unha diminución de 0,7 puntos en termos relativos.O número de persoas suxeitas a un contrato temporal reduciuse en 2.900 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha caída do 1,3% con respecto ao cuarto trimestre de 2017).

En canto a variación interanual, os asalariados con contrato indefinido incrementáronse un 2,6% e os asalariados con contrato temporal un 7,3%. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados, diminuíu unha décima neste trimestre, até situarse no 26,7%. Dos 103.900 asalariados existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 37,8% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido.

O número de mozos con contrato indefinido diminuíu un 5,3% respecto ao trimestre anterior e un 4,1% respecto ao mesmo período do ano anterior. Pola súa banda, o número de mozos asalariados con contrato temporal baixou un 2% respecto ao trimestre pasado e un 0,2% respecto ao primeiro trimestre de 2017. A taxa de temporalidade para o colectivo de mozos de entre 16 e 29 anos sitúase no 62,2%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta