Cómpe debater, cómpre atoparnos

A prensa, na súa orixe, foi un elemento máis do poder. No século XVIII quen tiñan imprenta e solvencia para imprimir eran a Igrexa, a aristocracia e a monarquía. Sería coa revolución industrial cando se produza o estoupido xornalístico da man de artesáns botados a burgueses.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 25/02/2011

Comparte esta noticia

As melloras nas técnicas de impresión, o abaratamento dos materiais e o interese dunha crecente burguesía por captar mercado, posibilitaron a aparición de novas e abundantes cabeceiras. Tamén aparece o concepto de subscrición e da prensa comercial, conceptos ben determinantes.

Galiza, sempre antes ou despois da historia que dixo aquel brillante poeta de Taramancos, iniciará esta andaina xornalística nun feito histórico dunha relevancia absoluta: a Guerra da Independencia. Con máis luces sobre aquel período, imos devagar atopando claves para comprendermos o nacemento do nacionalismo galego e a adhesión ao progresismo a partir desa loita. Naceu daquela o liberalismo e con el unha nova prensa: unha conservadora e outra progresista.

Hoxe o xornalismo está diversificado e apareceron novas ferramentas en Internet. Mudan os tempos, mudan as vontades. Mais, tristeiramente, unha abafante porcentaxe segue funcionando coma un aparello ideolóxico do estado. A prensa masiva, e os grupos editoriais que a sosteñen, son os encargados de ditar do que se fala, en que termos se fai e cando remata. Ninguén parece dubidar do control dos grandes poderes financeiros sobre os medios de comunicación.

A procura da información alternativa é un constante degoiro daqueles que prefiren optar por ter pensamento crítico fronte ao papanatismo supino. E velaquí o debate.

Existe xa unha prensa alternativa con proxecto, estrutura e continuidade?
Existe unha prensa que aposte polo galego como lingua de comunicación en todas as súas seccións?
Existe a posibilidade de soster un xornal sen publicidade, ben sexa con cotas participativas ou subscricións?
Existe o xornalismo de investigación? Cómpre realmente investigar ou basta que a prensa informe? Até que punto hai dependencia das axencias de información?
Existe a fórmula de arrexuntarmos todos os esforzos que moreas de persoas deitan en blogues persoais para artellar un só blogue a xeito de xornal? Ou se cadra non é necesario ou, mellor, poden resultar compatíbeis?
Existe a necesidade de termos un xornal en papel?
Existe a vía dun xornal sen liña editorial, sen marcado carácter ideolóxico? Resulta positivo ou negativo ter liña ideolóxica?
Existe o xeito evitar o partidismo e sectarismo na prensa? Seremos quen de superar as filias e fobias en arelas dun gran xornal galego?
Existe unha barreira para chegarmos a un acordo? Por onde se pode pasar e que non se pode xamais permitir?
    ...
Preguntas a eito. Poderíamos continuar con tantas cuestións coma nos veñan aos miolos. Cantas lerias que debater conxuntamente! Nestes tempos de enormes contradicións e mudanzas dunha velocidade ultrasónica (en menos dun ano pasamos de dúas grandes caixas a un para agora rematar nun banco, por exemplo) faise hixiénico encontrarnos e falar. Mais tamén facelo con perspectiva crítica e cuestionando a responsabilidade individual. Nada de darnos golpiños nas costas e dicirnos o moito que valemos mentres bate decote nos fociños a ruda adversidade do cotián.

Eis o que pretende A Nave das Ideas argallando un acto arredor de todas estas cuestións o día 25 de marzal na Casa Galega da Cultura (Vigo). Para quecer o ambiente vanse arrexuntando reflexións de distintas personalidades no blogue (http://anavedasideas.blogaliza.org/).

Quen sabe o resultado deste encontro. Canto menos, poñamos en común as reflexións e pensamentos. Falemos entre nós. Hai que estar sempre comunicados, organizados, entrelazados. A Nave das Ideas convídavos a participar nunha nova ágora da urbe pois cómpre debater, cómpre encontrarnos.

Como dicimos, mirámonos alí!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)