“Á liña”, “á raia” ou “á risca”, entre outras, pero non “a rajatabla”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/05/2018 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

A rajatabla: atopámonos, unha vez máis, ante unha expresión respecto da cal adoitamos facer directamente un “copia e pega” desde o castelán, mesmo xa sen ningún tipo de adaptación fonética (agás, se cadra, no caso dalgúns falantes comprometidos no uso do galego e conscientes da espuriedade da construción a nivel fonético, que poden dicir *a raxatabla) nin, desde logo, léxica (a ninguén lle escoitaremos dicir *a raxatáboa).

O dedo como símbolo para facer chamar a atención e poñer a liña a alguén O dedo
O dedo como símbolo para facer chamar a atención e poñer a liña a alguén O dedo

Pero o certo é que temos expresións de noso que dan conta, exactamente, do mesmo significado cá referida locución castelá. Vexámolas:

A rajatabla && A raja tabla

{= De xeito estrito e sen concesións.}

Á liña

Á raia

Á risca

Ex.: Cumplió sus órdenes a rajatabla.

Cumpriu as súas ordes á liña á raia á risca.

Ex.: El acuerdo lo hay que respetar a rajatabla.

O acordo haino que respectar á liña á raia á risca.

Ex.: El cumplimiento a rajatabla de la Ley del Juego provoca la apertura de numerosos expedientes.

O cumprimento á liña á raia á risca da Lei do xogo provoca a apertura de numerosos expedientes.

● Tamén:

A la letra && Al pie de la letra

Á letra && Ó pé da letra

● Tamén:

Á regra && A gardarrego

Ex.: Cumpriu as súas ordes á letra ó pé da letra á regra a gardarrego.

Ex.: O acordo haino que respectar á letra ó pé da letra á regra a gardarrego.

Ex.: O cumprimento á letra ó pé da letra á regra a gardarrego da Lei do xogo provoca a apertura de numerosos expedientes.

● E mesmo tamén, en certos contextos, inda que dando máis ben a entender que se actúa dun xeito tan excesivamente estrito que resulta ríxido, rigoroso ou intransixente de máis (isto é, con man dura ou demasiado dura):

A punta de coitelo

Ex.: Tuvieron que llamarle la atención por ser tan poco flexible y llevar la formación del alumnado demasiado a rajatabla, sin adaptarse a las circunstancias de cada caso concreto.

Tiveron que lle chamar a atención por ser tan pouco flexible e levar a formación do alumnado demasiado á liña á raia á risca á letra ó pé da letra á regra a gardarrego a punta de coitelo, sen se adaptar ás circunstancias de cada caso concreto.

● E inda tamén, en contextos, e botando man de recursos non fraseolóxicos:

Estrictamente && De modo estricto && De manera estricta

Estritamente && De xeito estrito && De modo estrito && De maneira estrita

NOTAS:

1. Obsérvese que, en esencia, as principais locucións que temos en galego van dar todas elas ó mesmo sentido: á idea dun trazo ou camiño recto (liña, raia, risca) que hai que seguir sen se desviar del, xa que é o camiño establecido como axeitado ou correcto.

2. Téñase así mesmo en conta que pode haber certos contextos nos que algunhas destas expresións poidan máis ou menos cadrar en espazos de uso coa castelá –e coas súas correspondentes galegas– a ultranza (locución esta que tamén habemos tratar nun futuro na presente sección), coma no seguinte exemplo:

Hizo una defensa a rajatabla # a ultranza de los postulados de su maestro.

Fixo unha defensa á liña # á raia # á risca # ó extremo # ata o extremo # ó límite # ata o límite # a morte # acérrima # ... dos postulados do seu mestre.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Diccionario gallego-castellano da Real Academia Galega, de entre 1913 e 1928.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Xosé Antonio

Por suposto que si, e probablemente inda algunha máis. A ver: o obxectivo desta sección é, tal e como aparece no artigo de presentación da mesma, "fornecer [...] diversas posibilidades expresivas que [...] sexan propias da nosa lingua", pero (tal e como tiña que aparecer reflectido no dito artigo de presentación, e que, polo motivo que sexa, non apareceu) "cómpre ter en conta que ningún caso se pretende nin esgotar todas as posibilidades expresivas que poidan existir en galego nin, por suposto, dar ningún tipo de indicación de cales deberían ser as opcións (máis) axeitadas normativamente, xa que esa angueira corresponde á Real Academia Galega, sen prexuízo de que nalgún suposto poidamos realizar algún tipo de comentario ó respecto". Daquela, cumpriría partir sempre destas premisas para entender ben o alcance e finalidade da sección.

1 Un de paso

Moi ben, moitas grazas. Seguirei atento esta sección, ben proveitosa.

2 Curioso

"Entre outras" non se debería contraer? Entroutras...

1 Un de paso

E "de maneira tallante" ou "tallantemente"? Non son válidas? Son as que emprego eu.