A Axencia Espacial Escolar Galega, lista para crear vida na estratosfera

NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega, prepara o lanzamento dunha nova sonda en tres anos. O obxectivo esta vez é obter imaxes estratosféricas a máis de 35.000 metros de altura do fenómeno do ocaso da lúa diurna, facer que naza un animal na estratosfera coa eclosión sincronizada dun ovo de abella, e poñer nos ceos os poemas vencedores do I Premio de Poesía Estratosférica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/04/2018 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega, ultima o lanzamento da súa terceira misión. O 2 de maio, ás 16.00 horas, terá lugar a proba da sonda MarumaSat III, nas instalacións do IES Maruxa Mallo de Ordes, na que participarán tamén o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o IES Miraflores de Oleiros, todos eles compoñentes de NOSA.

Sonda MarumaSat II
Sonda MarumaSat II | Fonte: NOSA.

A esta terceira misión foi convidado a participar o IES Xelmírez II de Santiago, que poñerá a proba a operatividade das novas aplicacións para a obtención de datos científicos que sirvan para a mellora das futuras viaxes.

Nesta ocasión incorporarase outra innovación: a utilización dun dron (aparello voador non tripulado) para obter máis imaxes aéreas externas do globo e a cápsula.

A solta do globo de helio ten xa o primeiro permiso de AENA para as 12 da mañá do luns 7 de maio, para levar a cabo a misión 'Niño no faro', tratando de obter imaxes estratosféricas a máis de 35.000 metros de altura do fenómeno do ocaso da lúa diurna.

O novo deseño da cápsula tratará de facela visible dende outros satélites, reflectindo a modo de espello a luz solar dende a súa cuberta superior. Entre os numerosos experimentos científicos, os membros de NOSA destacan o desafío biolóxico de facer que naza un animal na estratosfera coa eclosión sincronizada dun ovo de abella.

Mais o proxecto contén tamén unha faceta humanística nova: poñer nos ceos os poemas vencedores do I Premio de Poesía Estratosférica.

AENA concedeulles xa no seu permiso unha segunda data de lanzamento en previsión de que as condicións atmosféricas do día 7 de maio impidan a recuperación da cápsula. A data alternativa sería o martes 29 de maio á mesma hora e desde idéntico lugar: ás 12 da mañá no IES Maruxa Mallo, nas Casillas, Ordes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta