Artigo 4.3 do EAG

Os poderes públicos da Comunidade Autónoma asumen, como un dos principios rectores da súa política social e económica, o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra. Isto é o que di o artigo 4.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia. Pregúntome eu logo, por que Feijoo non cumpre a lei? Quen non ten un amigo ou familiar fora de Galicia porque na propia terra non tiña posibilidades de emprego? a min non me chegan os dedos das mans para numeralos.

Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 27/04/2018

Comparte esta noticia
Unha vez máis o gran xestor que se considera Feijoo, suspende. Dende o goberno da Xunta adícanse a xestionar miseria para de cando en vez variar os datos macro do desemprego, moi de cando en vez. Volve o PP a deturpar o seu seguimento estético da Constitución e do EAG. Estético porque so os cumpren cando lles convén e so a defenden cando lles convén politicamente, no eido dos dereitos, suspenden.
 
Compre reflexionar se asumir os principios reitores da política social e económica é descapitalizar Galicia. Co PP ós mandos pérdemos as Caixas, o Banco Pastor, Pescanova, FENOSA, conserveiras ... onde está a esencia de País e o traballo por Galicia en estas decisións? Os que chamamos motores da economía son hoxe de capital foráneo, francés, americano, venezolano, chinés ... esta é a maneira que ten Feijoo de sentirse galego? coido está mellor en Madrid, máis a gusto.
 
Precisamos accións políticas que apoien aquelas empresas que se senten e actúan en chave galeguista que queren estar en Galicia porque defenden o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra. Sei moi ben que son moitos os empregadores e empresarios que defenden esta forma de facer País, pero tamén sei que non están contentos coa política de beneficiar amigos que ten o Presidente dos galegos e galegas, amigos que non son precisamente da nosa Terra. Ameazas como a do Brexit en relación coa pesca non están a ser resoltas, os amigos de Feijoo están poñendo en problemas un dos nosos sectores chaves, con actuacións torpes en Vigo e Coruña e non escoitando o clamor do sector que si perciben en Francia e Irlanda, ofertando mellora á nosa flota. Este é un exemplo da acción de Feijoo en cumprimento do artigo 4.3 do noso Estatuto. Administrar Galicia non é xestionar, e xestionar non é permitir vender o noso. 
 
Cando guste o Señor Feijoo pode en Speakers' Corner de Londres facer un discurso de como asumen, como un dos principios reitores da súa política social e económica, o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra, teño moitos amigos alí que llo van agradecer.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA