A Xunta protexe o xefe da Policía Autonómica acusado de acoso sexual e laboral

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, remítese á información da que dispoña a Unidade Adscrita e ao que determinen os mandos da mesma, mentres que o departamento do vicepresidente Alfonso Rueda apela á presunción de inocencia do acusado e di que non se tomarán medidas contra el.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/04/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Nin o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, queren mollarse no caso do xefe da Policía Autonómica en Vigo acusado de acoso laboral e sexual a unha axente, contra o que non tomarán ningunha medida cautelar.

Feijóo pasa revista na Academia da Policía Autonómica da Estrada
Feijóo pasa revista na Academia da Policía Autonómica da Estrada | Fonte: Xunta

Feijóo simplemente se remitiu á información da que dispoña a Unidade Adscrita e ao que determinen os mandos da mesma segundo os datos que teñan para actuar sobre o xefe da Policía Autonómica de Vigo, investigado por acoso sexual, entre outros supostos delitos.

En concreto, o Xulgado de Instrución número 8 de Vigo chamou a declarar como investigado ao xefe da Policía Autonómica de Vigo, Antonio T.R., por mor da querela presentada por unha axente por supostos delitos contra a integridade moral e de acoso sexual e laboral no contexto dunha relación profesional xerárquica.

Así o confirmaron fontes coñecedoras do caso, que explicaron que a querela da muller xorde de "diversos comentarios improcedentes nun contexto laboral" por parte do seu superior, así como de "certas condutas laborais que denotan a existencia dun acoso laboral e discriminación respecto doutros compañeiros".

Preguntado respecto diso nun acto en Santiago, Feijóo afirmou que se decatou deste feito pola prensa. "Supoño que a Unidade Adscrita terá un posicionamento respecto diso", limitouse a manifestar o presidente da Xunta.

"Imos ver que hai aí exactamente para dimensionalo de forma correcta. Estou convencido de que a unidade adscrita ten información e de que os mandos policiais actuarán en función da información que teñan", resolveu.

Pola súa banda, Vicepresidencia da Xunta manifestou que, en atención á presunción de inocencia, non tomará medidas sobre o xefe da Policía Autonómica de Vigo, Antonio T.R., despois de que fose chamado a declarar polo xulgado.

Fontes deste departamento aseguran que os feitos obxecto da querela ocorreron cando o inspector xefe da Policía Autonómica de Vigo aínda non ocupaba este cargo, senón que naquel momento era o 'número dous' da comisaría.

En todo caso, Vicepresidencia remarcou o seu respecto aos procesos xudiciais, e fixo fincapé na presunción de inocencia do investigado. Así, non ten previsto adoptar "ningunha decisión" sobre o inspector á espera de ver como evoluciona a causa e que resolucións xudiciais se producen.

Deste xeito, a Xunta decide protexer de momento ao acusado e non adoptar medidas cautelares, malia que o xulgado vou motivos razoables para abrir unha investigación contra el.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MERUCU XUSTICIERU

Policía auto qué ?