Temas: CIG UGT CCOO CUT

Os sindicatos irán por separado o 1 de maio como paso previo de futuras mobilizacións

UXT e CC.OO. reclaman un cambio de política ou "intensificarán" as súas protestas, mentres a CIG prevé xa convocar unha folga xeral en xuño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2018 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A cidade de Vigo acollerá o próximo 1 de maio, Día do Traballo, as manifestacións centrais dos principais sindicatos en Galicia, que este ano marcharán por separado,UXT e CC.OO por unha banda e a CIG por outra, nunha cita que preparan como paso previo de futuras mobilizacións e que estará centrada en denunciar a precariedade "récord" que se vive na Comunidade.

Manifestación da CIG
Manifestación da CIG | Fonte: Europa Press

Así, UXT e CC.OO. ven esta xornada reivindicativa da clase traballadora como unha "clara advertencia" ao Goberno para que modifique as súas políticas e retome o diálogo ou avisan de que van intensificar "as protestas". Máis directa é a postura da CIG, que xa dá por feito que convocará folga xeral en xuño en Galicia ante unha situación laboral que "continúa empeorando" e empraza a UXT e CC.OO. a apoiala.

Na protesta deste martes, UXT e CC.OO. porán o foco en denunciar o crecemento da precariedade, así como na necesidade de avanzar en igualdade e mellorar as pensións. Pola súa banda, na visión da CIG sobre os problemas que afectan a Galicia atópase "a temporalidade, as altas cargas de traballo, o acoso aos traballadores a golpe de sancións e ameazas, o incumprimento dos convenios, as horas extra que non se pagan e a inacción da autoridade laboral".

Sobre esta convocatoria por separado, o secretario de UXT Galicia, José Antonio Gómez, explicou que os dous sindicatos con raíz estatal "coinciden" no diagnóstico e "no fundamental" coa CIG, pero asegura que as "directrices" marcadas polo sindicato nacionalista para unha protesta unitaria "non son asumibles".

En relación a esta cuestión, o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, apela á unidade de acción sindical, pero non só para unha manifestación concreta cando "non a hai na realidade das fábricas e sobre todo cando son cómplices do que está a ocorrer coas pensións". "Se non cambian de actitude non poderemos camiñar xuntos, que máis quixésemos!", remarca.

MANIFESTACIÓNS EN MÁIS DUNHA DECENA DE MUNICIPIOS

Ademais da manifestación central de Vigo, con saída ás 11,30 horas de Vía Norte, UXT e CC.OO. levarán a cabo mobilizacións na Coruña 12,00 horas, Praza da Palloza; Santiago 11,30 horas, Alameda; Lugo 12,30 horas, edificio de sindicatos, Ourense 12,00 horas, pavillón dos Remedios, Pontevedra 12,00 horas, Praza da Ferrería, Ferrol 12,00 horas, Inferniño.

Xunto ás sete cidades, a lista de protestas de UXT e CC.OO. para o 1 de maio de ambos sindicatos complétase con Vilagarcía de Arousa 12,00 horas, Praza de Ravella e Viveiro 12,00 horas, edificio de sindicatos.

No tocante á CIG, a manifestación en Vigo sairá ás 12,00 horas de Dobrada. O resto das mobilizacións serán tamén ao mediodía, salvo en Ourense 11,30 horas, en Praza Maior, Pontevedra 11,30 horas, Praza de Ferrería e Cangas 18,30 horas, na praza do Concello.

Así, as mobilizacións da CIG serán ás 12,00 en: Santiago (Praza Roxa), Vilagarcía (Casa do Mar), A Estrada (Praza do Mercado), Lugo (Edificio sindical), Ribadeo (Edificio sindical), A Coruña (Praza de Vigo), Cee (ante o concello), Ferrol (local do sindicato), Ribeira (Praza do Peixe) e Ourense (Praza Maior).

PROTESTA DA CUT

Pola súa banda, os sindicatos CUT, CXT e Sindicato de Elevación serán outras das centrais que sairán á rúa este 1 de maio en Galicia, cunha manifestación na Coruña, que sairá ás 12,30 horas da Praza de Pontevedra.

Transcorrerá baixo a lema 'Contra a explotación, a represión e o saqueo: a loita é o único camiño' para facer un chamamento contra "a situación que o pobo traballador está a padecer no momento actual" de "reformas laborais castradoras de dereitos, represión da disidencia e o proceso privatizador e saqueador do público".

Temas: CIG UGT CCOO CUT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Volvo

A CUT está perto ideolóxicamente da FPG e de Mariano Abalo e estes están con PODEMOS? Entendo. Din que os da CIG están comprados ou non son revolucionarios e os da CUT sí o son. Son tan puros como a lexivia. Pensar que estiven perto da CUT hai moitos anos. Cando era un cativo de 20 anos aínda cría nestes sipaios da CUT. Cren que eles son os representantes galegos da CUP catalana? Unha mer... pinchada nun pau. Sodes uns sipaios. Prefiro 1.000 veces o BNG maila CIG que vós e está moito máis perto a CIG da CUP que vós. Vós representades aos ignorantes e vasalos da Corte. Por iso estades con PODEMOS.

2 Gamela

A historia se repite un ano máis !!! http://gamela00.blogspot.com.es/201... Será tan complicado chegar algunha vez á UNIDADE SINDICAL ?

1 mlón

Por un lado os sindicatos que cree na loita obreira e polo outro os que defenden as súas prevendas

1 Antolín o dos cubatas

Unha pregunta os mantidos da UPG na CIG, que son lexión, pensan que haberá Folga Xeral, sen o concurso dos sindicatos " españolistas" ?

2 Rafa o dos viños

Por que pos españolistas e non "sindicatos" entre aspas?