Demandan que o Parlamento Europeo abra expediente sobre a mina Touro-O Pino

Lídia Senra e a Plataforma Mina Touro-O Pino anuncian o rexistro da petición para que Bruxelas investigue os vertidos da antiga mina de Touro e o novo proxecto.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/04/2018 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra, acompañada por Ana Parga e Maribel Cabana da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, anunciaron este luns en Santiago a presentación por parte da citada Plataforma dunha petición que foi rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. O obxectivo é que os entes comunitarios investiguen a vulneración de directivas europeas que supón a falta de restauración da antiga mina de cobre de Touro, operativa entre 1973 e 1986 e o proxecto de nova mega explotación mineira de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino.

Lidia Senra
Lidia Senra


A Plataforma Veciñal, arroupada por Lídia Senra, denuncia que trinta anos despois de cesar a actividade mineira en Touro, os ríos que corren polas proximidades do antigo emprazamento da mina van contaminados e sofren continuas verteduras procedentes das balsas mineras e das escombreiras que hoxe se usan como vertedeiros de residuos sen aparente control. Na súa petición, a Plataforma Veciñal fíxolle chegar ao Parlamento Europeo varios vídeos e fotografías que constatan que non se realizaron as actividades de restauración debidas para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente.

“Vemos pois, que poderiamos estar ante unha clara vulneración no Estado español da Directiva do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas”, indican na petición, xa que “as verteduras desa actividade abandonada seguen na actualidade drenando e contaminando cara ao río Ulla que desemboca na ría de Arousa”, argumentan.

Dita situación, que continúa a producirse sen que nin por parte do Estado español nin por parte da Xunta nin por parte da empresa se tomen medidas. Así mesmo, poñen en aviso ao Parlamento Europeo de que a maiores diso, agora está en periodo de tramitación un novo proxecto mineiro, tamén de explotación a ceo aberto de cobre, presentado pola empresa Cobre San Rafael SL, na mesma zona, sobre terreos dos concellos de Touro e O Pino. “Estaríamos falando de 689 hectáreas para extraer 267 millóns de toneladas de cobre durante 16 anos e medio, nuns terreos nos que actualmente o 70% deles son fincas agrícolas e forestais en activo, o que tería un impacto social e económico brutal, pois estamos falando ademais dunha zona pola que pasa o Camiño de Santiago, que vive do turismo, e que conta con importantes explotacións gandeiras e agrícolas que verían comprometido o seu futuro, ademais de afectar tamén a zonas de protección arqueolóxica”, din.

ALEGACIÓNS

A Plataforma informa de que o proxecto recibiu 1.500 alegacións solicitando que se paralice a súa tramitación e que se denunciou en repetidas ocasións a realización de sondaxes en vías públicas por parte da empresa sen a súa correspondente autorización.  Solicítase que por parte da Comisión de Peticións Europea se estudie o proposto e se abra unha investigación para determinar se o Estado español, a Xunta, os Concellos afectados e as empresas poderían estar incorrendo na vulneración das normas de dereito europeo con respecto a esta contorna.

Así mesmo, piden encarecidamente que membros da Comisión de Peticións e tamén responsables da Comisión Europea realicen unha visita á zona en persoa para que se lles poida amosar a situación dos terreos. Lídia Senra asegurou que seguirá moi de preto a tramitación desta petición en Bruxelas e que fará todo o posible para que vaia adiante e se abra esa investigación tan necesaria. A eurodeputada leva presentado nos últimos meses varias iniciativas na Eurocámara e na CE encamiñada a denunciar a situación. De feito, ten intervido no pleno parlamentario europeo amosando fotografías e pedindo a paralización do proxecto novo e tamén ten presentado varias preguntas por escrito á Comisión Europea. “Se se toma en serio a lexislación europea, as avaliacións de impacto ambiental deste proxecto non poderán ser positiva”, zanxou Lídia Senra.



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta