Amancio Ortega ingresa hoxe 693 millóns por dividendos de Inditex, a metade do que cobrará este ano

En novembro cobrará a outra parte, até sumar 1.386 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía.

Por E.P. | MADRID | 02/05/2018 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresa este mércores un total de 693 millóns de euros pola primeira retribución do ano que abonará Inditex aos seus accionistas, o que supón a metade do que cobrará en 2018 en dividendos da firma galega. En concreto, o empresario recibirá este ano 1.386 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, fronte aos 1.256 millóns de euros que percibiu polo mesmo concepto no exercicio 2017.

Amancio Ortega, con 81 anos, deixa todos os cargos en Inditex.
Amancio Ortega, con 81 anos, deixa todos os cargos en Inditex. | Fonte: @TVGalicia

O consello de administración de Inditex proporá á xunta xeral, que previsiblemente se celebrará o próximo mes de xullo, o pago dun dividendo de 0,75 euros por acción, un 10,3% superior ao do ano anterior.

Desta cantidade, pagaranse 0,375 euros por acción este mércores, en concepto de dividendo ordinario a conta, mentres que o próximo 2 de novembro se repartirán outros 0,375 euros por acción en concepto tanto de dividendo complementario como de dividendo extraordinario.

Ortega é o primeiro accionista do xigante téxtil, cunha participación do 59,294%, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións.

Pola súa banda, a súa filla Sandra Ortega, que posúe o 5,053% da firma galega, cobrará este ano máis de 118 millóns en dividendos de Inditex, a metade tamén este mércores, fronte aos 107 millóns de euros que percibiu o ano anterior.

Inditex rexistrou un beneficio neto de 3.368 millóns de euros no seu ano fiscal 2017-2018 (do 1 de febreiro de 2017 ao 31 de xaneiro de 2018), o que supón un incremento do 7% respecto ao exercicio anterior.

As vendas do grupo situáronse en 25.336 millóns de euros, un 9% máis, mentres que o resultado bruto de explotación (Ebitda) se situou en 5.277 millóns de euros, fronte aos 5.083 millóns dun ano antes, un 4% máis.

As vendas a tendas comparables creceron un 5%, sobre o crecemento do 10% do exercicio anterior, con crecementos positivos en todas as áreas xeográficas e en todas as cadeas. As vendas a tipo de cambio constante creceron un 10%.

As vendas de compañía a través das súas plataformas online creceron un 41%, o que supón o 10% do total das vendas do grupo e o 12% dos mercados nos que existe tenda online.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta