Quen é o responsable dos alimentos que se consumen nos centros escolares?

Unha sentenza do TSXG exime da responsabilidade de recepción de alimentos do comedor escolar á dirección dos centros.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 02/05/2018 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

Unha sentenza do TSXG vén de confirmar unha resolución previa dun xulgado vigués na que se recoñecía o dereito da persoa á fronte da dirección dun CEIP a non se facer cargo da recepción dos alimentos do comedor escolar.  Igualmente afirma que, malia que a responsabilidade administrativa da contratación de subministros depende da dirección, as decisións sobre que produtos son necesarios mercar correspóndelle ao persoal de cociña. 

Un dos menús servidos nun comedor escolar
Un dos menús servidos nun comedor escolar | Fonte: chage.org

O tribunal tira abaixo deste xeito a imposición unilateral do Xefe Territorial de Pontevedra de obrigar a que fose a directora dun centro a que tivese que estar pendente de recibir os provedores e as mercadorías para o comedor escolar. “Esa imposición veu acompañada pola prepotencia”, denuncian desde CIG-Ensino, xa que a desde a xefatura territorial non contestaron inicialmente ao escrito que desde o centro se lle remitiu solicitando aclaracións sobre a responsabilidade.

A Consellaría argumentaba a súa decisión no problema que se presenta coas funcións que lle corresponden ao persoal de cociña. Así, na meirande parte dos centros non se conta con Oficial de 1ª e existe xa reiterada xurisprudencia que lles recoñece o dereito aos Oficiais de 2ª a cobrar por realizar funcións de categoría superior, pagamento que a Consellaría pretende evitar a todo custo.

REPROCHES Á XUNTA

Na sentenza, o xuíz repróchalle claramente á Administración Educativa que faga recaer no colectivo docente responsabilidades que lle corresponden ao persoal de cociña por cuestión puramente economicistas. Así, afirmase que “o intento da administración autonómica de eludir os custos que suporía contar con persoal de cociña de categoría superior para realizar determinadas funcións non pode amparar a atribución desas funcións específicas de cociña aos/ás directores/as ou persoal encargado do comedor, supoñendo un uso desviado da potestade de organización, ademais dunha atribución indebida a quen nin ten a formación técnica precisa en materia de manipulación de alimentos nin debe asumir a responsabilidade propia dun cometido do persoal de cociña”.

Desde a CIG-Ensino critican o que consideran “un abuso de autoridade” do xefe territorial de Pontevedra ao impoñer unhas funcións que non son propias do persoal docente, sexa membro da dirección ou responsábel do comedor.” De novo, a cobiza da Consellaría lévaa a sobrecargar de traballo o colectivo docente para se aforrar o lexítimo complemento que debería cobrar o persoal de cociña por realizar esas funcións”, indica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta