A situación do galego será eixo central para o vindeiro debate no Parlamento

Tamén entrarán no pleno a situación dos terreos portuarios da Coruña, a AP-9 e a Valedora do Pobo presentará o seu informe.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2018 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A situación do idioma propio de Galicia, cando quedará unha semana para a celebración do Día das Letras Galegas, centrará o pleno da próxima semana, no que tamén estará moi presente a polémica ao redor dos terreos do porto da Coruña. Ademais, o Parlamento galego debaterá de novo, a iniciativa do BNG, sobre a autoestrada AP-9 e a vontade, xa expresada anteriormente por unanimidade dos grupos, de que o Congreso dos Deputados debata a súa transferencia á comunidade autonóma.

Exterior do Parlamento de Galicia
Exterior do Parlamento de Galicia

Outra proposición de lei será a presentada por En Marea para "combater" de forma "integral" a pobreza enerxética, "visto o deixamento continuo do Goberno galego". Esta iniciativa contempla a definición do consumidor vulnerable, medidas "imprescindibles" para que non se produzan cortes da luz nin do gas e fontes de financiamento, para a súa eventual entrada en vigor xa neste ano 2018.

Na Cámara autonómica comparecerá a semana que vén a valedora do Pobo, para dar conta da memoria de actividades da institución durante o ano pasado. Tamén o fará, a petición do Executivo, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no seu caso para abordar o plan estratéxico da Xunta.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, terá que responder polos terreos do porto da Coruña, sobre o desequilibrio territorial entre as provincias de Ourense e Lugo e as de Pontevedra e A Coruña e polo "preocupante" estado do galego. Son as preguntas que lle farán, respectivamente, En Marea, PSdeG e Bloque durante a sesión de control.

"LANZAR" A UNHA CANDIDATA QUE "NON PINTA NADA"

Respecto dos terreos do porto coruñés, o portavoz da formación rupturista, Luís Villares, vinculou o acordo entre o Ministerio de Fomento, a Xunta e a Autoridade Portuaria cun intento de "lanzar a unha candidata", a actual conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que "non pinta nada" na cidade. Así, criticou que se fixo "de costas" á cidade e ao Concello, que goberna a Marea Atlántica, pero augurou que como o PP quere "pechar A Coruña ao litoral", os electores "pecharán" as portas da cidade á "candidata in pectore"."O tempo onde en despachos pechados señores grises deciden o futuro das cidades acabouse. Iso é de tempos do Franquismo", recriminou Villares.

Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, expuxo que o seu grupo presentou unha pregunta urxente sobre este tema, dirixida á propia Beatriz Mato, sobre o protocolo que tachou "da vergoña e o latrocinio". A xuízo da nacionalista, é "un exemplo máis" da "submisión" de Feijóo "aos intereses do estado" e é "o colmo do descaro" que o propio ministro Íñigo de la Serna dixese que era "a primeira ocasión en que unha comunidade autónoma achega fondos para que uns terreos sigan sendo públicos".

Pontón tamén fixo referencia ao "novo marco" que abriu a sentenza do Tribunal Constitucional sobre os vetos nas Cortes para esperar que "á terceira vaia a vencida" co traspaso da AP-9 e que Núñez Feijóo "non sexa o tonto útil do estado" neste asunto, cuxo debate "bloqueou ilegalmente" o PP.

CONTRA A POLÍTICA "LINGÜICIDA"

Sobre o idioma, a portavoz nacionalista acusou á Xunta dunha política "lingüicida" que está "asfixiando ao galego", polo que chamou a actuar ante a perda de falantes e unha actuación que "camiña cara ao monolongüismo".

O PSOE, pola súa banda, defenderá no pleno unha proposición non de lei para reclamar que o Goberno de Núñez Feijóo "dea impulso a un pacto pola lingua galega" que a viceportavoz dos socialistas na Cámara, Patricia Vilán, viu "imprescindible sobre todo" entre a xente máis nova. O seu grupo, segundo agregou, tamén interpelará ao Goberno sobre a "contradición" existente entre a actual lei de estradas e o regulamento, que está "provocando moitos problemas" relativos ao reparcelamento de leiras.

OUTROS ASUNTOS

Con outro texto, o PSdeG trasladará a "preocupación" do sector pesqueiro polas cotas correspondentes a Galicia no plan de xestión do Cantábrico e tamén preguntará sobre as listas de espera na valoración da discapacidade en Pontevedra, polo plan piloto que "non se fixo" para achegar seguridade ao tramo Vigo-O Porriño da A-55 e achega do cumprimento de requisitos en axudas procedentes de fondos europeos para o medio rural.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, fixo referencia a este 1 de maio "reivindicativo" para sinalar que os dereitos laborais marcan algunhas das súas iniciativas como unha sobre a fenda salarial de docentes, outra de enfermidades profesionais, en concreto as causadas polo radón e unha última sobre as aeronaves de Salvamento Marítimo. Pola súa banda, o PP presentou dúas proposicións non de lei e tres preguntas e o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, chamou a atención que, con iso, o 80% da orde do día, 24 iniciativas de 30, corre a cargo da oposición.

As dos populares son propostas para "mellorar" os servizos de xustiza e "evitar atrasos", nun contexto marcado pola folga de empregados públicos; outra sobre a construción europea, coincidindo co día de Europa; e preguntas sobre a viaxe a México de Feijóo, as campañas para fomento do consumo de produtos do mar no ámbito escolar e a estratexia galega de cohesión social ata 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Undopobo

A mín todo paréceme ben mentres a promoción da língüa galega non obrigue a ninguén a utilizala se non quere facelo. Vivín nas miñas carnes a única oficialidade do castelán e non quero que co galego pase algo parecido. Sei por moitos amigos o rechazo que lles produce pensar na inmersión obligatoria no ensino, así como artellar unha politica lingüística que contemple multas para quen non queira empregar o galego na empresa ou no comercio. Toda promoción deber pasar pola voluntariedade do seu uso. Só así será ben acollida por todos. Sin ese consentimento. a língua do país non poderá ser nunca de todos.

2 nostrus

O idioma propio de Galicia, o traxe tipico galego, o patrón de Galicia, a gaita galega, a Virxe do Carmen, ctr. Todos son conceptos valeiros de contido e que só corresponde as personas individualmente adicarlle un uso, porque un parlamento só está lexitimado para decidir cal é a lingua oficial, a moeda oficial, a hora oficial, ctr. Os nacionáticos ultragalegos tratan de evanxelizar a poboacion galega e levala ao seu rego, pero tan só o consiguen con quen se deixa evanxelizar, porque os demais non lle facemos caso.

1 Esther de Sefarad

"Do grandor do teu espíritu depende todo; canto máis pequeno sexa máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa Terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con tódolos seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; pequeno es ti, que endexamais poderás concebir nada grande" Vicente Risco E unha banda sonora: poema en galego escrito polo granadino Lorca e cantado por un marabilloso berciano: https://www.youtube.com/watch?v=RoC... A quen nos traeredes para Galicia despois do de Valls e Vargas Llosa? Dende logo mira que simpatizar cun partido que nin sequera ten en conta aos seus membros para elexir os seus líderes... Que triste! Coma vas entender ti a Federico García Lorca?

1 anonimo

Pódenselle dar as voltas que queiran, pero a realidade é que a xente non o quere. Está asociado á Galicia profunda e ao nacionalismo empedernido, dogmático, intolerante, de piñón fijo, etc. Vaia o meu pésame aos que viven do conto da subvención e postos de traballo inútiles que se revolven como gatos coa idea de terse que poñer a traballar. Unha tiliña.

1 Pulguiña

Vaia o meu pésame para os que non tiveron a sorte de que as ideas os picaran. Xa sabes o que dicía segundo uns Bernard Shaw e segundo outros Disraeli: "As ideas son coma as pulgas, saltan duns para outros, pero non pican a todos". Por certo, que é a Galicia profunda? Para min ti es a Galicia profundísima, a dos que non son capaces nin de idear un seudónimo para asinar nin de respetarnos aos galego-falantes.