O festival WOS celebrará a súa quinta edición en Santiago entre o 12 e o 16 de setembro

A organización anunciará proximamente os primeiros nomes do programa. Os abonos Weekend e Premium xa poden ser adquiridos a un prezo especial.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/05/2018 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O WOS Festival celebrará a súa quinta edición en Santiago entre o mércores 12 e o domingo 16 de setembro, cinco días cheos de propostas "en torno ao risco e a exploración, a arte contemporánea e o diálogo entre disciplinas", destacan os organizadores.

Festival WOS
Festival WOS | Fonte: Remitida.

Como cada ano, o festival contará co protagonismo dos espazos e a cidade que o acollen, escollendo localizacións "moi especiais" que dotan á experiencia de cada unha das súas propostas dun carácter "único e irrepetible", resalta a organización.

De feito, os escenarios do festival supoñen unha ruta turística e arquitectónica polo corazón da capital galega, desde as liñas contemporáneas do Centro Galego de Arte Contemporánea, a Cidade da Cultura e a sede da Fundación SGAE, ás paredes con varios séculos de antigüidade da Igrexa da Universidade ou a Fundación Eugenio Granell.

WOS Festival x SON Estrella Galicia contará ademais un ano máis con espazos escénicos como o Teatro Principal e a Sala Capitol.

A cita que en anteriores edicións programou a estrea en España da última performance de láser de Robert Henke, creador do software Ableton; a estrea internacional de 'One More Time With Feeling' de Nick Cave; a artistas reverenciados como o ex-Portishead Geoff Barrow e figuras da historia dos sintetizadores como o octoxenario Simeon Coxe de Silver Apples e o exNeu! Michael Rother, lanza as datas que, o próximo setembro, acollerán a súa proposta.

O programa musical, como cada ano, completarase cunha selección de cinema, charlas e mesas redondas, arte audiovisual e performance que posibiliten trazar un diálogo transversal entre disciplinas.

A organización anunciará proximamente os primeiros nomes do programa. Até ese momento, e nunha cantidade limitada ás 100 primeiras unidades, os abonos Weekend e Premium poden ser adquiridos a un prezo especial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta