Temas: PARO SINDICATO

Os sindicatos denuncian que o 90 por cento dos contratos realizados en abril en Galicia foron temporais

CC.OO. e UXT destacan a caída do ritmo de creación de emprego e a CIG cre que os datos de abril son un motivo máis para a folga xeral

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

As principais centrais sindicais en Galicia —CC.OO., UXT e CIG— criticaron os datos do paro do último mes dados a coñecer este venres e censuraron que o 90 por cento dos contratos realizados durante o mes de abril foron temporais, o que constata que os traballadores están "máis desprotexidos" e os seus empregos son "máis precarios".

Traballadores, Paro, EPA, Operarios, traballo
Traballadores, Paro, EPA, Operarios, traballo | Fonte: Europa Press

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en abril en Galicia en 2.812 persoas respecto ao mes anterior, un descenso do 1,52%, por baixo do -2,5% da media estatal, segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Para a CIG, os datos reflicten "a consolidación da precaridade" e supoñen un motivo máis para secundar a folga xeral convocada pola central nacionalista en solitario para o próximo 19 de xuño. "Debe ser un berro forte pola recuperación dos nosos dereitos", asegurou o secretario de Emprego, Fran Cartelle.

Así, a CIG pon o foco en que no cuarto mes do ano se crearon 81.844 contratos e, con todo, o desemprego "só se reduciu en 2.812 persoas", o que é un reflexo de que a duración dos contratos "é cada vez menor e que a rotación é cada máis elevada".

Deste xeito, a central nacionalista analiza que o número de contratos creados non vai da man da redución das persoas en paro, xa que en abril de 2017 se rexistraron 74.091 contratos para unha caída de 6.000 desempregados, mentres que este ano se realizaron 81.844 novos contratos e o descenso de parados foi de 2.812. "Os números falan por si sós", apostilou Cartelle.

Así mesmo, tamén censura que "só o 10 por cento" dos contratos se rexistrasen "baixo algunha modalidade de contratación indefinida". "Este tipo de contratación impide aos novos parados ter acceso a unha prestación por desemprego, por iso é polo que a porcentaxe de parados con dereito a prestación descende", asevera o responsable de Emprego da CIG.

UXT: CAÍDA DA TAXA DE COBERTURA

Pola súa banda, UXT lamentou que Galicia conte con "10.024 desempregados menos protexidos" que os que había hai un ano e que a taxa de cobertura caia "mes a mes e xa non supere o 53,1 por cento".

UXT sinala que os datos publicados este venres reflicten unha caída do paro acompañada por "unha diminución das taxas de cobertura ás persoas en paro e cun nivel máis alto de precariedade na contratación".

Así as cousas, apunta que as mulleres e os mozos son "os máis prexudicados", xa que presentan uns datos de evolución inferiores. Neste sentido, subliña que o paro cae un 0,32% nas mulleres polo 3,08% dos homes, mentres que na franxa de idade de menores de 25 anos, a caída do paro foi de "só un 0,3%".

Así mesmo, UXT mostrou a súa preocupación polo descenso da taxa de cobertura, que en Galicia se situou en abril no 53,1 por cento, tres puntos por baixo da media estatal. "En Galicia quedan fóra do sistema de protección por desemprego un total de 92.309 persoas, tendo en conta tanto os que teñen dereito a prestación como os que non a xeraron", remarca o sindicato.

CC.OO.: "CIFRAS MÁIS BAIXAS EN CATRO ANOS".

Comisións Obreiras Galicia incide en que os datos do paro de abril "constatan a retardación do ritmo de creación de emprego" e lanza unha mensaxe de aviso, xa que as cifras son "as máis baixas en catro anos" no relativo á creación de novos postos de traballo e a diminución do paro.

A responsable de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, contrapuxo as previsións de crecemento económico para Galicia que manexa a Xunta, do 2,5 por cento, coas do emprego, que se sitúa no 0,46; polo que insta o Goberno galego a "explicar esta contradición" e "adoptar medidas" para que os datos macroeconómicos teñan incidencia no mercado laboral.

Nesta liña, Comisións apunta que a afiliación á seguridade social sobe en Galicia por baixo da media estatal (0,46 por 0,95%). Para Bouza, todos estas características reflicten que o mercado laboral galego "non dá máis de si".

"Emprego temporal, a tempo parcial, con baixos salarios e sen case dereitos, que despois non se consolidan", conclúe a responsable de Emprego de CC.OO. na súa análise sobre a realidade da situación laboral en Galicia.

Temas: PARO SINDICATO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta