Temas: RAG

Cambiarías o apelido Martínez polas grafías galegas Martiz ou Martís?

A Real Academia Galega estrea sección 'Informes da RAG' na revista 'Cadernos de Lingua' publicando o seu ditame sobre o uso deste apelido castelán —un dos máis comúns en Galicia—, que aconsella cambiar polas súas formas orixinais galegas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O ditame da Real Academia Galega (RAG) sobre o apelido Martínez —un dos máis frecuentes de Galicia, cunhas 113.000 persoas portadoras— conclúe que, se ben esta é a forma predominante, o testemuño de toda a documentación medieval e moderna ata o século XVII e mais a información que aínda hoxe ofrece a toponimia indican que a forma propia e orixinal deste apelido é Martiz ou, en certas zonas de Galicia, Martís. Así o concluíu o Informe do Seminario de Onomástica sobre este apelido, publicado agora no número 36 de Cadernos de Lingua, que conclúe que "ó abeiro da lexislación vixente, parece que se debe actualizar a grafía galega do apelido castelán Martínez en Martiz ou Martís".

Empresa Marcelino Martínez, con sede no polígono das Gándaras, no Porriño.
Empresa Marcelino Martínez, con sede no polígono das Gándaras, no Porriño.

Tras un exhaustivo estudo do apelido, o informe sinala como primeira forma histórica galega Martiz, derivada de Martiniz con perda do ene intervocálico. Así, explícase, "esta forma xa aparece en documentos de Montederramo en 1193 en texto latino e despois en textos galegos desde o XIII, ó lado de Martiiz e variantes".

No mesmo documento, amplíase: "Como xa no XIII empeza a desonorización das sonoras, podemos atopa-la grafía Martís, como en Montederramo en 1296. Por iso modernamente segue sendo usual pero non exclusiva en zonas de seseo a forma Martís".

Con todo, os investigadores salientan que o censo do ano 2001 non recolle ningunha persoa de apelido Martiz, aínda que Martís si que presenta 213 portadores, que se concentran na parte occidental da provincia coruñesa: A Pobra do Caramiñal con 121 e Ribeira con 49 son os concellos que máis portadores teñen, seguidos pola Baña (9), Boiro e Vigo (8) e A Coruña (7).

Ese mesmo censo testemuña 1.002 portadores da forma Martíns. Trala revisión da documentación histórica galega na procura desta forma Martíns, a conclusión dos investigadores é que "os casos a debater son moi reducidos e, por parte, de interpretación paleográfica moi dubidosa: non hai nos documentos en galego ningún que, de forma indiscutible, se poida ler como Martins e nos documentos en castelán os únicos que o parecen con toda probabilidade deben ser lidos como Martines", expoñen.

Na análise demográfica da xeografía actual atopouse que Martíns se espalla por 147 localidases galegas, concentrándose principalmente en concellos do sur de Galicia, sendo Vigo é a localidade que acolle a máis persoas con este apelido (un total de 190), seguida por Ourense (51), Verín (48), A Coruña (36), Baiona (32), Tui (31), A Guarda (28), Ponteareas (28), O Barco de Valdeorras (27) e O Porriño (25).

Esta distribución xeográfica sorprende aos investigadores, xa que "choca que esa terminación -ns (Martíns) se concentre en zonas de Galicia nas que a lingua non usa esa terminación", en zonas principalmente da provincia de Ourense, mentres que "onde debería ser nomal a terminación -ns (zona occidental da provincia da Coruña), o que existe é o apelido Martís", expoñen os expertos, que engaden estrañados: "Algo raro hai aí".

A hipótese que manexan é que "Martíns sexa apelido de cidadáns de orixe portuguesa ou lusófona censados xa en Galicia e explicaría tamén a excepción que representa o concello septentrional de Burela, pero onde é importante e ben coñecida a colonia de inmigrantes caboverdianos", defenden os autores do informe.

De feito, na base de datos de 2012 do Instituto Nacional de Estatística (INE), recollida polos investigadores da RAG, obsérvase que o 70% dos Martíns censados en Galicia son persoas nadas no estranxeiro, maioritariamente en Portugal e Brasil pero tamén Angola e Cabo Verde. Tamén consideran "clarificador" que a idade media dos Martíns nados fóra de España é de 41 anos, mentres que a idade dos Martíns nados en Galicia é de 27 anos (dato que cualifican como "anómalo"). "Se a idade media é normal nos Martíns nados en países lusófonos e non o é nos nados en Galicia, todo parece indicar que se trata de fillos de inmigrantes: é dicir, de persoas que traen de fóra ese apelido", argúen.

Por último, salientan a "estraña dispersión" dese apelido, xa que por enriba dos 70 anos identificaron unha persoa de 87 nada en Vimianzo; dúas persoas de 81 e 56 anos respectivamente nadas en Xove e en Caldas; 1 de 77 nada en Moaña; 4 de 72, 74, 75 e 76 nadas en Baiona; e 1 de 74 nada en Vigo. É dicir, "non se percibe ningún núcleo orixinario" e  "todo parece indicar que, no caso de persoas maiores, trátase probablemente de fillos de inmigrantes portugueses que foron quedando de inmigracións portuguesas de principios do século XX: serradores portugueses para facer travesas para o ferrocarril e calceteiros para a pavimentación de rúas urbanas de toda Galicia (ben constatado, certamente en sitios distantes como Caldas de Reis e Ribadeo)", expoñen.

E se ben si hai algúns apelidos galegos rematados en -íns (Cundíns, Vilafíns, Aríns), os expertos recordan que "estes derivan de topónimos e non son patronímicos, como é o caso que nos ocupa".

Malia non atoparse o Martiz en apelidos, na toponimia esa forma resistiu a substitución polo castelán, na súa forma plural (Martices):

Martices

Porqueira (Ourense)

Martices

Rairiz de Veiga (Ourense)

Martices, Os

Barreiros (Lugo)

Martices, Os 

Cabana de Bergantiños (A Coruña) 

Martices, Os

Cabanas (A Coruña)

Martices, Os

Cotobade (Pontevedra)

Martices, Os

Mesía (A Coruña)

Martices, Os

Monfero (A Coruña)

Martices, Os

Valdoviño (A Coruña)

Martices, Os

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

"Estes dez Martices, en plural, presupoñen un base singular Martiz e significan «O lugar de onde son os que se apelidan Martiz». Non é caso único, porque noutros lugares de Galicia a microtoponimia ofrécenos casos paralelos con outros apelidos: Os Fernandes, Os Dices (derivado de Diz), Os Péreces (de Pérez), Os Mourices (de Mouriz), os Miraces (de Miraz), Os Mañás (de Mañá) e posiblemen- te Os Doces (de Doce) e os Paces (de Paz). No caso de Martices todos eles foron formados sobre unha base Martiz", detállase no informe.

Porén, os autores do estudo apuntan a que na microtoponimia, que recoñecen "menos sometida á presión da oficialidade uniformadora", a presenza do apelido orixinal galego Martiz "aínda é ben visible", o cal consideran que é "significativo", xa que "só se leva recollido un 30% do total".

"Os datos son moi significativos porque aínda aparece como apelido de Riqui (forma antiga de Ricardo), de Xan, de Xana e de María", expoñen os responsables do informe.

Leira de Martiz

San Sadurniño 

Pomartiz

Samos

Riquimartiz

Porto do Son

Xamartiz

Mezquita (A)

Xana Martiz

Lobios

María Martiz

Monfero

Muíño de Martiz

Cangas

Os Peares de Xana Martiz 

Lobios

A Tomada de Martiz

Ribadumia

Máis curiosa é a forma feminina —Martiza— que aparece en sete lugares:

A Martiza

Santiso

A Martiza

San Sadurniño

As Martizas

A Laracha

As Martizas

A Lama

As Martizas

Ponteceso

As Martizas

Ramirás

Martizas Sarria

A estas formas hai que engadir o plural Martices, referido a posesores homes ou mulleres:

Martices

Porqueira

Os Martices

Vilagarcía de Arousa

As de Martices

A Lama

As Martices

A Pobra de Trives

As Martices

A Pobra de Trives

As Martices

A Pobra de Trives

As Martices

A Pobra de Trives

Camiño das Martices

Parada de Sil

Cemiterio dos Martices

Barreiros

O Regado dos Martices

As Somozas 

Os Agros dos Martices

Brión

En conclusión a todo o exposto, desde a RAG defenden que a grafía propia moderna da forma castelán Martínez, de acordo coa normativa, debería ser Martiz, pero se admite como "consolidada" a forma Martís e se exclúe Martíns.

NOVA SECCIÓN EN 'CADERNOS DE LINGUA'

O Ditame da RAG sobre as formas galegas do apelido castelán Martínez é a primeira achega que se fai na nova sección 'Informes da RAG' en Cadernos de Lingua, revista que edita esta institución desde o ano 1990 e que acaba de iniciar unha nova etapa, publicándose por primeira vez en Internet.

É precisamente no primeiro número que se publica na Rede, o 36, no que, como novidade, xunto a artigos, notas e recensións sobre sociolingüística, cuestións referidas á norma, gramática histórica e historia da lingua, léxico e terminoloxía, onomástica, fonética e fonoloxía, e outros eidos de investigación a revista incorpora unha nova sección que dá cabida a ditames da Real Academia Galega. Neste primeiro número da nova etapa pode así consultarse o referido ás formas galegas do apelido castelán Martínez.

A RAG espera que a nova plataforma dixital facilite a difusión internacional desta revista; de feito, Cadernos de Lingua xa está dispoñible a través da plataforma Open Journal Systems, que serve de soporte a publicacións científicas de todo o mundo.

A publicación renova ademais comité científico, que medra e se nutre de "destacados especialistas con vinculación á lingua galega" pertencentes a 26 institucións académicas de todo o mundo, salienta o académico de número Manuel González González, que dirixe a revista acompañado do tamén académico Xosé Luís Regueira como secretario.

Ademais de investigadores das tres universidades galegas, o comité científico conta con expertos doutras institucións do Estado como Guillermo Rojo (Real Academia Española), Xabier Kintana (Euskaltzaindia) e Enrique Gargallo Gil (Institut d'Estudis Catalans e Universidade de Barcelona); e doutros países, entre eles membros correspondentes da RAG como Takekazu Asaka (Universidade Tsudajuku, Toquio), Débora Campos (Universidade de Buenos Aires), Olga Castro (Universidade de Aston, Birmingham), Johannes Kabatek (Universidade de Zürich) ou Helena Zernova (Universidade Estatal de San Petersburgo).

Temas: RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

7 calentamiento global

Qué más da el apellido si seguirán quitándole poder al pueblo y mal gastando el dinero. En vez de usarlo contra el calentamiento global

6 Acido-nitrico

Me da igual cuál nombre le dejen, meses y meses sin terminar las obras. Queremos ACCIONES YA. https://acidos.info/nitrico/

5 Borra, jo

E Borrajo como o do cargo de Anova ese que xa comezou hoxe a saír nos medios acusado de certo incidente pode considerarse que xa está galeguizado en reintegrado?

1 Trumpeter

Si reintegrouse fai tempo..., á casta¡¡¡

2 unmais

Pois non, porque será, Borrallo, Borralho en reintegrado e nunca Borraxo( ademáis iso en portugues pronunciariase igual que borracho)

4 euloxio uxio

Por que este dixital non fala nada das acusacións de agresión sexual contra un alto cargo de ANOVA que está a investigar a propia ANOVA? https://www.facebook.com/anovagal/?...

3 Salgueiro

Os que se foron do BNG de Marín prefiren MARTÍNEZ e a ser posíbel MARTÍNEZ EL FACHA. É que os do BNG non aprenden. Meteron perante anos a xente cutre. E cando digo cutre refírome a xente cutre. Das que so tenhen prexuizos. Naceron, criáronse e tiveron amigos, cando novos, oriundos do país dos PREXUIZOS. A mágoa é que na Galiza hai a feito este tipo de xente cutre.

1 Salgueiro

e tamén na órbita do BNG. De feito estes venhen de aí. Como moito, como moito, para esta xente a EN MAREA. O BNG quedáselhes moi "radical" para eles. E ser do BNG significa ter que falar en galego sempre, non ter demasiadas contradiccións na tua vida, se o esixe o momento levar un lazo amarelo...todo iso para unha personaxe cutre dun povo atrasado onde viven moitas persoas atrasadas e moito pedirlhe. Como moito moito poden ir a tertulias da sexta. Esas sí que están ben vistas e aprobadas polas Cortes!