Lanzan o Mapa do Patrimonio de Padrón

A Asociación Cultural Os Penoucos completa un novo capítulo no proxecto colaborativo Patrimonio e paisaxe(s) do Baixo Ulla, no que xa se presentaron tamén os mapas do patrimonio de Valga, Pontecesures e Dodro.

Por Galicia Confidencial | Padrón | 07/05/2018 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A Asociación Cultural Os Penoucos vén de lanzar o Mapa do Patrimonio de Padrón, incluído dentro do proxecto colaborativo Patrimonio e paisaxe(s) do Baixo Ulla, no que xa se presentaron os mapas do patrimonio de Valga, Pontecesures e Dodro. O proxecto colaborativo pretende valorizar e divulgar o patrimonio cultural e natural dos concellos que forman parte dun territorio claramente recoñecible, e que se dá en chamar o Baixo Ulla.

Pazo de Quito, en Padrón
Pazo de Quito, en Padrón | Fonte: Turismo Santiago.

O Mapa do Patrimonio de Padrón intégrase dentro dunha aplicación webmapping onde se recolle a totalidade do patrimonio cultural e natural deste concello. O usuario poderá navegar e desprazarse polo mapa, facer zoom, activar ou desactivar capas, así como escoller os mapas base. Ao pulsar sobre un punto, despregarase a ficha explicativa onde se describe o elemento, con acceso a información e imaxes deste.

Os mapas base dispoñibles son catro, que van desde a última fotografía aérea do PNOA, ata o voo americano de 1956-57. Deste xeito poderase visualizar as diferenzas que sufriu o territorio nos últimos 60 anos.

O Mapa do Patrimonio de Padrón componse de 9 capas, que inclúen 642 elementos, repartidos do seguinte xeito: arqueoloxía (24 elementos), con castros, castelos, mámoas, túmulos, xacementos, marcos medievais, etc; arquitectura relixiosa (22 elementos), con igrexas, ermidas, conventos, santuarios, capelas...; elementos relixiosos (43 elementos), con cruceiros, cruces, petos de ánimas, calvarios, vía crucis...; arquitectura civil (35 elementos), con pazos, xardíns, patrimonio industrial, estacións...; obra civil (18 elementos), con pontes, portas, pombais, palcos de música...; hórreos (441 elementos), coa a totalidade dos hórreos do municipio; arquitectura da auga (48 elementos), con pesqueiras, fontes, lavadoiros, muíños...; espazos naturais (5 elementos), con canóns, insuas, fervenzas, lagoas..., e as panorámicas máis destacadas de Padrón (6 elementos).

Nestes momentos, despois de engadir o Mapa do Patrimonio de Padrón, e incluír novos elementos nos mapas de Dodro, Pontecesures e Valga, hai catalogados 2.024 elementos, aos que se irán sumando moitos máis, ata completar a totalidade do territorio que conforma o Baixo Ulla.

Convento de Santo Antonio de Herbón
Convento de Santo Antonio de Herbón | Fonte: Santiago Turismo.

Os impulsores deste proxecto fan un chamamento a aquelas entidades e persoas que o desexen a enviar os seus comentarios, suxestións, textos ou fotos dos elementos do mapa, así como suxerir a inclusión de novos puntos. 

O proxecto non conta con ningún tipo de subvención oficial para a súa realización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta