O tímido galeguismo das universidades

O día 9 de marzo de 1933, fai agora,xa que logo, oitenta e cinco anos, celebrouse no Paraninfo da Universidade de Santiago un acto de especial significación dados os avoltos tempos que vivía daquela Galicia. Francisco Fernández del Riego, que entón era un alumno da Facultade de Dereito, presentaba ao profesor Álvaro de las Casas, que impartiría unha conferencia titulada “Verbas aos mozos galegos. O momento universitario”.

Por Xosé Glez. | Redondela | 09/05/2018

Comparte esta noticia
As propostas do conferenciante eran  novidosas e a radiografía que fixo da Universidade tamén moi atinada: “Unha Universidade incerta, dubidosa, desorientada, sen plan seriamente meditado de restauración, aberta aínda aos profesores de vai e vén  que toman posesión soñando no traslado; que caen aquí coma en país de desterró;  profesores alleos, que, agás excepcións honrosísimas de mestres benquerido xa vencellados a nós, chegan no Castromil da mañá matinando pedir o traslado polo correo da tarde. Unha Universidade órgano da cultura castelán, e non plantel e viveiro da cultura galega”.
 
Aquelas palabras tiveron o eco esperado nas mobilizacións estudantís que reivindicaban unha Universidade  galeguizada, que no decorrer do breve tempo que durou a Iª República, tivo no Reitor Alejandro Rodríguez Cadarso o timonel que a levou a ter os mellores científicos impartindo aulas. Quixeron as malas fadas que alquel proxecto cheo de esperanzas da vella Universidade naufragase por mor da sublevación militar de 1936 que descabezou aquelas cátedras de sabedoría que a píque estiveron de obraren o milagre dunha ciencia implicada na renovación das estruturas socioeconómicas de Galicia cun aproveitamento racional das nosas riquezas naturais.
 
O profesor e investigador Ricardo Gurriarán  na súa  fundamentada e extensa obra “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), di que nese período a Universidade abríuse á sociedade cun modelo de xestión innovador: democratización, preocupación por asentar o ensino experimental nas aulas e posibilitar infraestruturas necesarias para lévalo a cabo. Accións en plena sintonía cos avances renovadores que preconizaba a intelectualidade prerrepublicana. 
 
O discurso de Álvaro das Casas daquel entón paira aínda hoxe nas aulas e departamentos das nosas universidades onde a excelencia é un  feito constatable, pero nas  que a presenza da lingua galega nas aulas e actividades académicas non é a desexada. Docentes e alumnos non recoñecen o alcance da cooficialidade lingúística, minorizando o noso idioma nos procesos formativos.
 
Lois Peña Novo, que vivíu aqueles momentos históricos, vén agora ao encontro da memoria cando afirmaba que “o de menos son os títulos de capacidade oficial que a Universidade fabrique cada ano, sen que a idea da súa terra teña no seu espírito ningún valor. A Universidade ten que  enchouparse na alma da terra, ata que os profesores e alumnos sentan con emoción a transcendencia da súa misión”. 
 
Agora que as universidades de Santiago e Vigo acaban de elixir novos reitores teñen a oportunidade de artellar senllos programas e vontades para vigorizar o pulo anovador da galeguización.

Salón nobre da USC
Salón nobre da USC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA