Temas: SERGAS

7.000 firmas para que os traballadores do Sergas recuperen os cartos que lles restaron durante a crise

Dirixentes de CIG-Saúde entregan as sinaturas no Parlamento e reúnense cos grupos políticos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/05/2018 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

Representantes de CIG-Saúde presentaron este martes 7.000 firmas no rexistro do Parlamento de Galicia para pedir que Sanidade "sente" e poder negociar en mesa sectorial un plan para recuperar condicións salariais e acordos retributivos que foron "recortados" por mor da crise.

Persoal sanitario.
Persoal sanitario.

Segundo explicou María Xosé Abuín, de CIG-Saúde, estes acordos "teñen carácter de norma porque foron pactados en mesa sectorial" e publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que "xa é hora de que se recuperen", unha vez que "se saíu da crise" e "a economía crece por enriba do resto de servizos".

No escrito que sostén as firmas, CIG explica que os salarios dos traballadores do Sergas "foron recortados no ano 2010 polas suspensións que o Goberno galego fixo dos acordos retributivos" asinados na mesa sectorial.

Entre as súas reivindicacións, aluden ao acordo retributivo que, entre outras cuestións, regula o complemento específico polo que se retribúen as condicións específicas do posto de traballo atendendo á súa "dificultade, responsabilidade, coñecemento ou penosidade".

"O persoal do Sergas percibe por este concepto unha cantidade inferior ao resto do cadro de persoal da Administración autonómica", constata, ademais de precisar que a atención continuada retribúe a penosidade da prestación de servizo, en referencia á "nocturnidade, domingos, días festivos e gardas". "A retribución do persoal do Sergas por estes conceptos están á cola do resto de servizos de saúde", indica.

Entre outras cuestións, tamén se refiren ao acordo de carreira profesional e apuntan que "está suspendido desde o ano 2010".

REUNIÓN COS GRUPOS E CONCENTRACIÓN

A deputada do BNG Montse Prado acompañou aos representantes da CIG no rexistro do escrito, á vez que trasladou o aval dos nacionalistas ás súas demandas. Pero manteñen reunións con todos os grupos co fin de que presenten iniciativas encamiñadas a favorecer a recuperación destes dereitos retributivos: tamén con En Marea —cuxa "receptividade" constatou María Xosé Abuín, nas súas declaracións aos medios—, PSdeG e PP.

Sobre as expectativas que mantiña do encontro co PP, que aínda non se produciu cando interveu publicamente, incidiu en que até agora os populares "bloquearon toda iniciativa" e reafirmouse na necesidade de negociar.

"Só pedimos sentarnos para analizar un plan de recuperación das nosas condicións laborais. Entendemos que non pode ser dun só ano, pero o Sergas e Sanidade teñen que sentar", defendeu.

Entre tanto, varias decenas de persoas concentráronse ás portas do Pazo do Hórreo con carteis nos que demandaban "a recuperación dos dereitos roubados" e "unha carreira profesional digna".

Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Brigitte

Todoo sube e nodos sólidos noon...K nos espera??

1 Dr. Bacterio

Cantos anos leva María Xosé Abuín, como liberada sindical ?