Temas: LOMCE EDUCACIóN

Máis protestas en Galicia contra a Lomce

Profesionais da educación volven saír á rúa para esixir "que se lles escoite".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/05/2018 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

Profesionais da educación volveron a saír á rúa este martes na comunidade galega para protestar contra a Lomce e esixir "que se lles escoite".

Profesionais da educación volven á rúa
Profesionais da educación volven á rúa | Fonte: Europa Press

En Vigo, medio cento de persoas participaron na concentración convocada pola Plataforma en defensa do ensino público para lembrar ao Goberno que seguen en contra da Lomce.

Con bandeirolas, camisetas e pancartas, o persoal do ensino de Vigo e a súa área concentrouse na Porta do Sol, onde as persoas alí mobilizadas cantaron consignas como 'Lomce non, derrogación' e 'Rajoy, escoita, volvemos á loita'.

Unha portavoz dos colectivos convocantes, Maite Freijido, de UXT, trasladou que os profesionais do ensino volven á rúa para remarcar que continúa "o seu descontento" coa Lomce e con que as normativas non sexan consensuadas, senón "impostas".

En concreto, criticou as reválidas, así como que hai uns "cocientes inmensos" e "masificación" nas aulas, que as cargas de traballo docentes son "moi grandes", e que non se pode atender a diversidade.

É por iso que a plataforma convocou mobilizacións ademais de en Vigo, en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Monforte de Lemos (Lugo), e esixiu que se chegue a un pacto pola educación que sexa "de consenso e duradeiro", e para o que se escoite "a toda a comunidade educativa e profesorado".

Temas: LOMCE EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta