Adolfo Domínguez estuda máis de cen despedimentos despois da fusión das súas marcas

Suporía o 8% do seu persoal, integrado por un total de 1.325 empregados. A empresa anunciouno este venres ademais de que iniciará un expediente de despedimento colectivo.

Por E.P. | MADRID | 11/05/2018 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

En concreto, a firma galega iniciará un expediente de despedimento colectivo, mobilidade e modificación das condicións de traballo por causas económicas, produtivas e organizativas que afectará a 110 postos de traballo.

Tenda de Adolfo Domínguez
Tenda de Adolfo Domínguez

A compañía explicou que este plan será debidamente comunicado aos traballadores que se vexan afectados e aos seus representantes, iniciándose o preceptivo período de consultas. Anuncian tamén que este plan se acometerá de forma "responsable, ordenada e consensuada", e de conformidade co previsto na normativa laboral. A firma galega iniciou o proceso de fusión das súas marcas U, AD+ e Adolfo Domínguez baixo unha soa insignia, Adolfo Domínguez, coa transformación de aproximadamente 115 puntos de venda.

O primeiros seis establecementos que se converterán en tendas de venda exclusiva Adolfo Domínguez son os de Fuencarral (Madrid), Málaga, Canarias, Miranda do Ebro (Burgos) e Torrelavega (Cantabria). O plan inclúe tamén a reforma integral da 'flagship' de Paseo de Gracia (Barcelona) que reabrirá as súas portas no outono. O proceso de fusión, segundo explicou a compañía, prevé a eliminación de duplicidades en rúas e centros comerciais, onde o grupo dispón de puntos de venda da marca principal e das submarcas U e AD+.

A compañía explicou que o proceso persegue xerar eficiencias en diversas áreas do sistema de produción e unha mellora da tesouraría que se consolidarán, previsiblemente, nos próximos anos. Neste exercicio, a firma non prevé que o resultado neto do proceso teña un impacto "significativo" debido aos custos asociados á posta en funcionamento do plan de fusión.

Unha vez finalizado o proceso, unha soa marca, Adolfo Domínguez, sumará 416 puntos de venda en 29 países. A cifra final de puntos de venda en 2018 completarase coas aperturas xa realizadas desde febreiro e as previstas até o final do exercicio.

O grupo Adolfo Domínguez terminou o exercicio fiscal 2017-2018 con 114 millóns de euros en vendas, 1.325 empregados e unha mellora do resultado operativo do 75% respecto ao ano anterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta