Santiago estrea un "xardín de palabras" ideado por Suso de Toro para ser "memoria literaria" da cidade

O 'Xardín das pedras que falan', iniciativa ideada polo escritor Suso de Toro, instalarase no patio traseiro do Pazo de Fonseca.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2018 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela inaugurará este luns o 'Xardín das pedras que falan', que converterá o patio traseiro do Pazo de Fonseca nun "xardín literario" no que pedras de granito con inscricións de escritores de todo o mundo construirán unha espiral que servirá de "memoria literaria" para a capital galega.

Suso de Toro e Martiño Noriega presentan o 'Xardín das pedras que falan'
Suso de Toro e Martiño Noriega presentan o 'Xardín das pedras que falan' | Fonte: Europa Press

A iniciativa foi presentada este venres polo alcalde santiagués, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a vicerreitora de Comunicación da USC, Rosa Crujeiras, e o escritor Suso de Toro, ideólogo dunha instalación que "homenaxeará a palabra no seu senso máis amplo".

O dramaturgo compostelán explicou que o 'Xardín das pedras que falan' era unha idea que lle "roldaba a cabeza" desde hai 10 anos e que, agora, verá convertida en realidade a partir do luns, día no que se celebrará o acto de inauguración coa colocación de senllas pedras nas que figurarán pequenos textos de Rosalía de Castro, Luz Pozo Garza e o irlandés Seamus Heaney, gañador do Nobel de Literatura en 1995.

A idea é que cada unha das pedras de granito vaia conformando unha espiral de "palabras" procedentes das literaturas de todo o mundo. Cada rocha estará dedicada a un escritor ou escritora e recollerá un texto que irá creando unha "memoria" literaria en Compostela.

Suso de Toro lembrou que Santiago, xurdida "do mito" e onde naceu Rosalía e residiu Val-Inclán, é un lugar "sacro e máxico para a palabra" e en permanente unión coa "memoria" e "a literatura". Todo iso, plasmado noutro dos elementos característicos da capital galega, a pedra de granito, confluirá nun xardín que "nace para crear memoria".

Así, o escritor recoñece que nunha cidade "de tumbas" e "peregrinos" como o é Santiago, o 'Xardín das pedras que fala' converterase nunha sorte de "cemiterio de palabras" ao que chegarán, para quedar, as letras dos escritores das culturas do mundo.

PATIO DE FONSECA

O rexedor compostelán indicou que o lugar elixido para situar a instalación, o patio traseiro de Fonseca, logo de permanecer durante anos pechado ao público, deixará de estar "infrautilizado" para converterse nun lugar de veciños e visitantes que "reivindicará a importancia da palabra" en Santiago.

Segundo a vicerreitora de Comunicación da USC, o 'Xardín das pedras que fala' suporá a "posta en valor adicional" dun edificio emblemático como o Pazo de Fonseca, cuxo patio serviu de xardín botánico no que agora se "cultivarán" as palabras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Era hora de abrir o xardín de Fonseca ao público... (a ver se as pedras que falan non escarallan o lugar... que de por sí é fermoso e non precisa máis que de coidados e moita sensibilidade!) Non vexo eu a Suso de Toro coma ser-sensible (pero confiemos...) ?

1 Morgana no Hades

En fin Suso, en fin...