Temas: CORISTANCO

Piden a dimisión do tenente de alcalde do PP de Coristanco tras a súa imputación por prevaricación

O BNG reclama que “se extreme o celo na vixilancia do trato dos membros do goberno municipal á secretaria do Concello, dados os antecedentes das situacións que viviu a secretaria”.

Por Galicia Confidencial | Coristanco | 14/05/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A apertura do xuízo oral contra o ex alcalde de Coristanco, Antonio Pensado Plágaro, por “prevaricación e falsedade documental” dentro da chamada Operación Pataca, xa tivo a primeira contestación dos grupos da oposición. O BNG de Coristanco esixe a súa dimisión inmediata como tenente de alcalde.

Antonio Pensado, alcalde de Coristanco
Antonio Pensado, alcalde de Coristanco

A nacionalista Laura Mariño lembra algúns dos feitos que sucederon durante os mandatos de Pensado como alcalde polo Partido Popular, cargo que ostentou durante 24 anos, polos que a Fiscalía pide 4 anos e 6 meses de prisión e 36 anos de inhabilitación para o desempeño de calquera cargo público por delitos continuados de prevaricación na contratación de obras e na concesión dunha licencia para unha planta de lodos

O BNG considera que “a demanda de dimisión está xustificada polo escándalo continuado e a alarma social que producen os feitos”. Por iso pídelle ao actual alcalde e socio de goberno de Plágaro, o expulsado do PSOE Abraham Gerpe, que “ se realmente busca a rexeneración da vida municipal e non é unha peza máis do sistema caciquil e de intereses ocultos instaurado, debe actuar diante destes feitos e cesar o seu socio de goberno de maneira inmediata”. 

O BNG non descarta unha nova sorpresa xudicial xa que lembra que, dentro da Operación Pataca, hai outras pezas que seguen abertas relacionadas con presuntos delitos de fraude e malversación, como o pagamento de gasóleo C a un prezo excesivo ou a adquisición dunha retroexcavadora por unhas cantidades moi superiores ás do mercado. “Tamén o desvío de materiais de obra pagado polo Concello para familiares directos do naquel momento Alcalde ou a facturación de diversas empresas”, indica.

Ademais o BNG pide que “se extreme o celo na vixilancia do trato dos membros do goberno municipal á secretaria do Concello, dados os antecedentes das situacións que viviu a secretaria e que están directamente relacionados cos feitos que levan agora a Antonio Pensado ao banco dos acusado”.  Do medio colaborador QPC.

Temas: CORISTANCO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta