Estudantes da USC piden a "inhabilitación total" do profesor que defendeu a 'Manada'

Piden que se leve adiante esta acción contra Luciano Méndez Naya pola súa actitude "misóxina e machista" nos vídeos que colgou en redes sociais e onde criticaba á vítima para a que chegou a pedir cárcere.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2018 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

Decenas de estudantes da USC concentráronse este luns ante o reitorado da Universidade de Santiago, na Praza do Obradoiro, para reclamar a "inhabilitación total" do profesor Luciano Méndez Naya pola súa actitude "misóxina e machista" nos vídeos que colgou en redes sociais defendendo a 'A Manada' e criticando á vítima, para a que chegou a pedir cárcere.

Protesta contra o profesor Luciano Méndez Naya en Santiago
Protesta contra o profesor Luciano Méndez Naya en Santiago | Fonte: Europa Press

Tras unha pancarta na que podía lerse 'A educación é a arma máis poderosa que podes utilizar para cambiar o mundo', os estudantes lembraron que "o machismo nas aulas ten moitos nomes" e que "un deles é o de Luciano Méndez Naya", polo que pediron á institución a súa "inhabilitación total".

Durante a lectura do manifesto, lembraron que este profesor foi inhabilitado xa durante dous meses en cursos anteriores por un "ataque machista" a unha das súas alumnas. Tamén criticaron que esta sanción, "absurda e insuficiente", serviulle "máis ben de pouco", xa que "volve hoxe facer apoloxía da violación".

"Estamos fartas do seu discurso, de atoparnos cara a cara contra o patriarcado", explicaron, ante unha situación na que o docente se "sente poderoso e cheo de razón". "Pero non estamos fartas de loitar contra todos estes comportamentos, ata que desparezcan da nosa educación e da nosa sociedade. Luciano Méndez: querémoste fóra das nosas aulas, fóra da nosa universidade e queremos xustiza real por parte da USC".

EDUCACIÓN FEMINISTA

Durante a concentración, convocada pola Asemblea de Estudantes de Educación Social e a Plataforma Feminista Libres e Combativas, os estudantes incidiron en que "persoas con estes valores non poden estar a cargo da educación e o futuro" da sociedade e reclamaron unha "educación feminista".

Tras as declaracións realizadas en varios vídeos colgados en redes sociais, os estudantes non consideran que unha inhabilitación de dous meses "sexa suficiente" nin a "solución" á actitude de Luciano Méndez, que hoxe mesmo se atopa aínda dando clase. Por iso, iniciaron unha recollida de sinaturas para presentar ao reitorado da institución compostelá. Do mesmo xeito, lembraron que os alumnos de Méndez Naya senten "medo" a protestar contra a súa actitude, dado que é un profesor "que impón" e temen represalias como suspensos, que afectarían, entre outras cousas, ás bolsas.

RESPOSTA CONTUNDENTE

Do mesmo xeito, a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, reclamou á Universidade de Santiago unha "resposta contundente" a estes feitos. En declaracións aos medios, Marta Lois tachou as declaracións do profesor Méndez Naya como de "profundamente machistas e absolutamente inadmisibles".

Por iso, durante a lectura dunha declaración institucional do Consistorio en contra da sentenza de 'A Manada', subliñou que a situación e a consecuente protesta das estudantes "esixe unha resposta contundente" da USC ante o ocorrido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Analisis

Dígolle a um bocadinho, supostamente racional, que non é o mesmo unha opinión, que a apoloxía da violencia de xénero. Esa apoloxía, xunto a aprobación dos que a consinten, é a que está a incrementar a violencia contra as mulleres en cifras alarmantes. Nunha sociedade civilizada eses discursos contra a muller non poden ter cabida.

1 Um Bocadinho de Racionalidade

Em nenhum momento esse senhor fez "apologia da violência" nem "apologia da violação". Não pode haver racionalidade nem debater com falsidades. Que escreva esse "Análisis" o texto onde esse indivíduo expressou isso. Mas alguns e algumas fazem apologia da lapidação pública e da vingança mais inquisitorial contra quem expressa opiniões das que não gosta. E isso é muito penoso e medieval. Dessa sociedade repressiva não gosto e penso que devemos todos e todas estar alertas, criticá-la e evitá-la.

2 Um Bocadinho de Racionalidade

Se estamos a favor da liberdade de expressão em casos como Valtonyc ou Hásel, também temos de está-lo em casos como o deste senhor, ainda que não gostemos das suas opiniões. Não é próprio de um sociedade avançada nem a intolerância com outras opiniões nem a lapidação social. É tão vergonhento esse senhor como todos aqueles e aquelas que o querem punir pela expressão das suas ideias ou que o querem lapidar, como se vivéssemos na Idade Média.

1 Um Bocadinho de Racionalidade

Não é certo que fizesse em nenhum momento "apologia da violação". O indivíduo é um impresentável e um ganhão que procura ter uma incidència midiática. Se calhar é um misógeno e um machista produto de más experiências pessoais e sofre uma enorme soidade. Mas sempre que fale a nível pessoal e nunca como docente não é justo e legal que sufra uma inabilitação de qualquer duração pela USC. Certo que lhe dá má imagem, mas o problema seria em todo caso como superou a seleção académica um verdadeiro ganhão de taberna. Acho que essas manifestantes e essa concelheira mantêm posicionamentos nada racionais e sim muito histéricos e de vingança imadura e demagógica, impróprios de um feminismo e de uma sociedade avançada.