Inaugurado o 'Xardín das pedras que falan' en Santiago de Compostela

Versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza encheron este luns o proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se materializou no xardín de Fonseca.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2018 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

Versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza inauguraron este luns o 'Xardín das pedras que falan', un proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se materializou co Concello de Santiago e a Universidade compostelá no xardín de Fonseca.

Inauguración Xardín das pedras que falan en Fonseca, Santiago
Inauguración Xardín das pedras que falan en Fonseca, Santiago | Fonte: Europa Press

O acto inaugural deste proxecto, que comezou con tres pedras con gravados, estivo presidido polo alcalde Martiño Noriega, e o reitor en funcións, Juan Viaño. Tamén estiveron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e a viúva de Seamus Heaney. A propia Luz Pozo Garza asistiu en persoa e xunto cos demais convidados, encargáronse de descubrir as primeiras pedras ante o autor do proxecto nun acto no que tamén estivo a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Nas súas palabras, o rexedor compostelán agradeceu a Suso de Toro que pensase na capital galega para "materializar esta idea que leva anos imaxinando e que foi posible porque dúas institucións son capaces de traballar da man en favor da cidade". O 'Xardín das pedras que falan' é un proxecto que "pon en valor a Compostela Literaria" que, dixo o alcalde, veñen "reivindicando" no concello. Pola súa banda, o reitor en funcións lembrou as orixes do xardín de Fonseca, como " xardín botánico que acollía especies que curaban o corpo" e que agora se converterá en "unha homenaxe ao feito literario". "Non podería haber mellor localización", destacou.

PRIMEIRAS PEDRAS

Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra. Respecto diso, o presidente da fundación que leva o seu nome descubriu a peza, que reza: "Dende aquí vexo un camiño / que non sei onde vai / polo mesmo que n'ou sei / quixera ou poder andar".

De esquerda a dereita: Martiño Noriega, Luz Pozo Garza, Suso de Toro e Juan Viaño, na inauguración do 'Xardín das pedras que falan', en Santiago de Compostela
De esquerda a dereita: Martiño Noriega, Luz Pozo Garza, Suso de Toro e Juan Viaño, na inauguración do 'Xardín das pedras que falan', en Santiago de Compostela | Fonte: Paula Martínez Graña - USC.

A segunda está asinada por Seamus Heaney, poeta irlandés amigo persoal de Suso de Toro e co que falaran deste proxecto. A súa viúva, Marie Heaney foi a encargada de descubrir a súa pedra, para ler os versos: "The dotted line my father's ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won't wash away". Finalmente, Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do xardín, no que estaban inscritos os seus versos: "Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.".

ANTONIO GAMONEDA

O 'Xardín das pedras que falan' estará formado por versos ou liñas inéditas de autores, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, polo menos, en vida.

Os textos estarán gravados en pedras de granito e formarán unha gran espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía até instalar 40 pedras en total. Está previsto que a cuarta sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na Semana do Libro de Compostela (Selic).

Pedra gravada con versos de Rosalía de Castro no 'Xardín das pedras que falan', en Santiago de Compostela
Pedra gravada con versos de Rosalía de Castro no 'Xardín das pedras que falan', en Santiago de Compostela | Fonte: Paula Martínez Graña - USC.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Francisco

En Santiago todas as pedras falan. O que hai e que saber escoitalas e querer escoitalas. Para iso fai falla que no haxa tanta bullanga. Noi silencio é onde podemos oir o moito quer nos contran as pedras.

1 Gamela

máis bruto cun arado... non había pedrolos máis ghrandes, ou? Se comparas as pedras de Suso de Toro coa pedra da fonte de Fonseca... semella que o xardin estará en OBRAS permanentes !!! BESTA !!!

1 ffx

Concordo cento por cento. De moi mal gusto a instalación; outra pailanada picheleira.