Temas: ORDES ENERXíA

Campaña contra os parques eólicos en Ordes

Veciños poñen en marcha unha recollida de firmas para que a Xunta elimine esta comarca do Plan Sectorial Eólico de Galicia. Tamén rexeitan a instalación de novas liñas de evacuación eléctrica.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 14/05/2018 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Veciños de Ordes puxeron en marcha unha campaña de recollida de sinaturas contra a construción de parques eólicos e novas liñas de evacuación eléctrica na comarca. As follas foron repartidas en bares, tendas e outros establecementos da comarca, ademais de facerse recollida a pé de rúa e polas aldeas.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI.

Os impulsores desta campaña consideran que a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes é "negativa para os intereses sanitarios e económicos dos seus veciños, así como para o medio ambiente".

Contra esta implantación, lembran, xa se manifestaron en contra os alcaldes de Ordes, Mesía, Frades e Oroso, ademais de diversos colectivos sociais e grupos políticos municipais.

Os denunciantes alertan de que os proxectos dos parques eólicos xa expostos "non teñen en conta os impactos acumulados do resto das actividades industriais da comarca".

"A súa construción provocará un aumento de danos na saúde humana, perda de valor dos solos situados nas áreas de afección, impactos económicos negativos nos sectores agrogandeiro, forestal, turístico, servizos, etc., así como no medio ambiente afectando a fauna salvaxe, a vexetación, ao solo e as augas", describen.

Por iso, consideran "fundamental" reclamar que a Xunta de Galicia elimine a comarca de Ordes do Plan Sectorial Eólico de Galicia, xa que "polas súas características socio- económicas e a dispersión dos lugares habitados non é zona axeitada para a ubicación de instalacións deste tipo", expoñen.

Tamén recordan que "aínda que se publicou que a promotora dalgúns destes parques renunciara a súa construción, a día de hoxe aínda consta na páxina web do Ministerio a tramitación de concesións". Ademais, engaden, "prevese que estas mesmas empresas soliciten novos parques para a comarca en base á Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia (tamén coñecida como lei de depredación de Galicia)". 

E alertan: "Xa se están tramitando na Xunta novos proxectos para a zona de Monte Inxerio (Ordes-Cerceda) e Gasalla (Frades e Mesia).

Temas: ORDES ENERXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Detras desta historia están os intereses mineiros