Un paciente denuncia no xulgado que leva dous anos agardando por unha proba de esforzo no Sergas

O doente presentou unha reclamación hai un mes no hospital á que non lle contestaron, polo que acudiu ao Xulgado de Mondoñedo.

Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 16/05/2018 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A paciencia esgotouse. Tras dous anos agardando para facer unha proba de esforzo e ante a falta de resposta do Sergas ás súas queixas, un paciente de Mondoñedo puxo unha denuncia no xulgado desta localidade para que se lle atenda. O paciente presentou unha reclamación hai un mes, máis non lle fixeron caso, polo que acudiu ao Xulgado de Mondoñedo o pasado 11 de maio.

Paciente denuncia no xulgado que leva case dous anos agardando por unha proba de esforzo.
Paciente denuncia no xulgado que leva case dous anos agardando por unha proba de esforzo.

O doente ten colocado un stent, segundo relata, na arteria coronaria dereita desde o ano 2006 e precisa ser controlado con probas de esforzo. A última vez que fixo unha foi en xullo de 2015. Como estes controis deben ser anuais tocaríalle en xullo do ano 2016, máis case dous anos despois segue sen ser chamado e sen recibir explicación algunha por parte do Sergas. Acudiu a Atención ao Paciente en varias ocasións pero, segundoi o paciente, non foi atentido.

Por este motivo decidiu contactar coa Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para redactar unha reclamación, rexistrada o día 19 de abril de 2018, con número de entrada 1887.

"Pasado case un mes desde a súa presentación o paciente segue relegado ao esquecemento por parte da xerencia", denuncia a plataforma, que di que o doente se viu "empurrado a acudir ao xulgado cando o pasado mes de abril acudiu á farmacia a retirar a medicación que invariablemente toma desde o ano 2006 e se atopou coa sorpresa de que lle modificaran a dose dun deles sen previo aviso e sen que ninguén lle informase de nada nin fose visto por médico algún".

"Cando lle preguntei á miña médica de familia, gran profesional e con grande interese polos seus pacientes, díxome que ela recibira ordes escritas de tal cambio", comenta enoxado o paciente.

O doente, que presentou un escrito de denuncia no Xulgado de Mondoñedo o día 11 de maio de 2018, acusa a Xerencia do Sergas e á Xunta de Galicia de "desprezo aos pacientes, pois parece que o servizo de Saúde Pública está en mans de políticos manipuladores da nosa saúde polo simple feito, segundo se lles oe decir, para aforrar cartos”, relata na súa denuncia.

Para a Plataforma Sanitaria este caso "supera con moito os límites tolerables  e a paciencia infinita que os veciños estan a amosar cara á administración que día tras día devolve esta consideración en foma de desprezo, burla e falta de respecto".

Desde este colectivo esixen a esta Xerencia e ao Sergas que "se deixe xa de propaganda  ambigua e autocomplacente e que se poña a traballar de verdade nunha xestión en función das necesidades da poboación sen primar criterios economicistas", porque “todo ten un límite e a paciencia de pacientes e profesionais esta a punto de esgotarse, e cando esto ocorre nunca se sabe por onde pode estoupar a indignación veciñal”, conclúen desde a Plataforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta