Temas: IGAPE EXPOURENSE

O Igape non terá que conceder unha axuda a Expourense polo proxecto 'Xantar 2015'

Os maxistrados aprecian "un claro incumprimento" da fundación de feiras de Ourense "da súa obrigación como beneficiaria da subvención".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2018 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) eximiu ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de conceder unha axuda a Expourense polo proxecto 'Xantar 2015'. A sentenza, con data de este 16 de maio, foi emitida pola sala do contencioso-administrativo do TSXG, establece que a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) incorreu en "un claro incumprimento da súa obrigación como beneficiaria da subvención pública".

Logo do Igape
Logo do Igape

A xuízo dos maxistrados, este incumprimento "non pode reputarse parcial en canto abarca ou afecta á totalidade do importe subvencionable, ao comprobarse que se produciron ingresos polo proxecto moi por encima do seu custo elexible".

Na súa demanda, Expourense aducía que a contía do proxecto ascendeu a 186.126,62 euros e engadía que o importe das subvencións públicas elevouse a 79.372,41 euros, cantidade, segundo a fundación, inferior ao máximo dos gastos subvencionados que tivo en conta a Axencia de Turismo de Galicia (75.000 euros) e o Igape (49.372,41 euros), pois sumados ambos arroxan un total de 124.372,41 euros.

"Esquece a parte demandante que só cabe tomar en consideración a axuda outorgada polo Igape ou, o que é igual, o custo elixible de 49.372,41 euros, xa que, se a axuda cumpre a finalidade de financiar un proxecto, lóxico parece que a suma a subvencionar se concrete non nun gasto realizado senón nunha estimación orzamentaria dun gasto a realizar para a execución daquel", explican os xuíces.

CONFIRMA A REVOGACIÓN

Deste xeito, o fallo desestima o recurso de apelación interposto, por vía de adhesión, pola fundación, estima o recurso de apelación promovido polo Igape e revoga a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso administrativo número 2 de Santiago o 20 de outubro de 2017.

Tamén desestima o recurso contencioso-administrativo interposto por Expourense contra a desestimación por silencio administrativo por parte do Igape ante a resolución de decembro de 2016 pola que se declararon "incumpridas totalmente as condicións impostas na concesión da axuda", de 8 de maio de 2015, pola que se revogou a axuda outorgada. Por último, en consecuencia, os maxistrados do TSXG confirman a revogación da axuda concedida e non fan imposición das costas procesuais.

Temas: IGAPE EXPOURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta