100 días de folga na xustiza e así está a situación

O Goberno galego agarda que os traballadores decidan sobre o seu ultimatum nunha situación de fonda división sindical. Senón é así, a Xunta adoptará a decisión que corresponda para pechar formalmente o conflito.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2018 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

O conflito da xustiza segue formalmente aberto á espera do que ocorra este venres, data na que culmina o prazo que, en mesa sectorial, deu a Xunta aos setes sindicatos do sector para que lle comuniquen se se adhiren á súa última oferta ou non. Se non o fan, advertiu que se sentirá "liberada" de calquera compromiso e adoptará a decisión que corresponda para pechar formalmente o conflito.

Protesta en Vigo dos funcionarios da Xustiza
Protesta en Vigo dos funcionarios da Xustiza | Fonte: Miguel Núñez.

E é que, un centenar de días despois do arranque da folga indefinida dos traballadores da xustiza en Galicia, "histórica" pola súa duración --en palabras de dirixentes sindicais consultados por Europa Press--, o paro foi "interrompido" a semana pasada e poderíase dicir que o seu seguimento é simbólico, pero non foi desconvocado.

Con todo, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa a dá por resolta a situación e anunciou que, a partir da próxima semana, non haberá servizos mínimos. Ao seu modo de ver, é necesario xa fixarse "no día despois", planear a recuperación do traballo aprazado e non perder o tempo "cos últimos trámites" da folga.

Deste xeito, confía en que este venres se ratifique "o fin do conflito", aínda que non avanzou que pasos dará a Xunta. O Goberno galego busca "o acordo" de polo menos algún dos sete sindicatos que, neste momento e a pesar de manter a unidade durante gran parte do conflito, teñen visións dispares.

A XUNTA MANTÉN A PROPOSTA

Neste escenario, optou por reunir esta semana á mesa sectorial, onde volveu pór ante os sindicatos a mesma proposta do 26 de abril, data na que rompeu a unidade dos representantes dos traballadores, xa que AXG-CUT, CIG e STAJ se opuxeron a un "preacordo" que si avalaron SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.

Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia
Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia | Fonte: Europa Press

Foi o detonante dunha votación, ao día seguinte, na que a proposta da Xunta recibiu o non de case o 53% dos traballadores do colectivo. Polo camiño, reconfigurouse o comité de folga, do que saíron UXT e CC.OO., e no que só participan xa de forma activa SPJ-USO, AXG-CUT, CIG e STAJ.

Desde o Goberno galego incidiuse en que a votación do 27 de abril estivo contaminada por "ameazas e coaccións". De feito, na reunión deste luns da mesa sectorial o único cambio consistiu en retirar do texto do seu "preacordo" o punto que aludía, precisamente, a que os funcionarios votarían a proposta.

QUE OFRECE A ADMINISTRACIÓN?

Así as cousas, a proposta da Administración tradúcese nun aumento de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% desta alza neste exercicio unha vez que se valide o acordo, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.

Tamén contempla un plan de recuperación do traballo paralizado polas xornadas de folga que se elaboraría co TSXG e coa Fiscalía e ao que poderían adherirse todos os traballadores do sector de forma voluntaria haxan ou non secundando o paro.

POSTURAS DOS SINDICATOS

Á espera do que ocorra este venres, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ xa avanzaron que para as súas organizacións é "válida" a votación dos traballadores, que rexeitaron por maioría a proposta que a Xunta mantén invariable, polo que non se senten interpelados polo ultimato da Administración.

Pola súa banda, SPJ-USO mantén a intención de consultar a "todos" os traballadores e rexistrará unha petición de prórroga duns días ante a Xunta á primeira hora deste venres, segundo confirmou a Europa Press, co fin de que haxa algo máis de tempo para poder testar entre os funcionarios a súa postura.

Esta solicitude de algo máis de tempo é vista con bos ollos por parte de CC.OO. e UXT, segundo ratificaron a Europa Press este xoves ambos os sindicatos que, do mesmo xeito que CSIF, está en conversacións internas e cos seus afiliados por distintas vías de consulta.

Se o conflito, como desexa a Xunta, queda pechado este venres, faríao despois dunha folga que suspendeu uns 17.000 xuízos --segundo datos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)-- e miles de trámites xurídicos na comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta