A veda do polbo en Galicia comeza este venres e finalizará o luns 2 de xullo

A Xunta advirte de que "quedará expresamente prohibida a captura desta especie" en augas galegas e para a pesca marítima de recreo

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2018 | Actualizada ás 07:15 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A veda da captura de polbo en Galicia comezará ás 16,00 horas deste venres, día 18 de maio, e terminará ás 5,00 horas de luns, 2 de xullo, segundo especificou a Xunta na resolución do plan experimental para a xestión desta especie na campaña 2018/2019.

Polbo galego
Polbo galego | Fonte: Europa Press

Así o informou o Goberno galego nun comunicado no que puntualizou que as capturas desembarcadas o día 18 poderán ser comercializadas tamén o 19 de maio naquelas lonxas nas que "tradicionalmente" se realizaron vendas de polbo os sábados.

Ademais, advertiu de que a veda do polbo significa que "queda expresamente prohibida a captura desta especie", por medio de "calquera arte", en augas nas que Galicia teña competencias en marisqueo.

Deste xeito, explicou que as embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas "deberán retiralas do seu calado e levalas a porto". Por outra banda, a Xunta lembrou que este tempo de veda tamén é aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas realizadas con calquera outra arte distinta á nasa.

Así mesmo, apuntou que a veda é "unha das medidas técnicas" que comprende o plan experimental do polbo, co obxectivo de "axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie" e "protexer a súa reprodución" e "contribuír a unha explotación máis sustentable".

PLAN EXPERIMENTAL 2018/2019

Con motivo de fixar a próxima temporada de veda, a Consellería de Mar e o sector pesqueiro acordaron un novo plan do polbo para o exercicio de 2018/2019.

Neste sentido, o Goberno galego informou de que segundo este novo plan, a partir do día 2 de xullo --data na que termina a veda-- e até o venres 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie será de 30 quilos por barco e día.

A esta cantidade, segundo sinalou, súmanse os 30 quilos por día por cada tripulante a bordo, cun máximo de 210 quilos ao día. Así, no que respecta á campaña, a cota máxima será de 50 quilos por barco e día, cantidade á que se engaden os outros 50 por tripulante, cun máximo de 350 ao día.

HORARIO DE TRABALLO E CONTROL

Doutra banda, a Xunta indicou que o horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 6,00 horas --aínda que poden saír do porto ás 5,00 horas-- e finalizará ás 16,00 horas. Ademais, o descanso semanal desenvolverase desde as 16,00 horas do venres até as 6,00 horas do luns.

Para realizar as tarefas de seguimento e control da actividade, designou como responsable á Subdirección Xeral de Gardacostas, en colaboración cos gardapescas das confradías e os servizos contratados para tal labor.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta