Veciños de Touro quedan sen auga polas verteduras contaminadas da mina de cobre

Os habitantes da aldea de A Santaia tiveron que desviar o curso do río Ameneiro-Lamas polo alto grado de contaminación das augas. Así tentan evitar o envenenamento dos seus cultivos.

Por Galicia Confidencial | Touro-O Pino | 18/05/2018 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

A  asociación Aldea Viva denuncia que o río Ameneiro-Lamas posúe uns niveis de contaminación moi elevados polo que a veciñanza da aldea de A Santaia, tivo que desviar o cauce do río para que as súas hortas,  cultivos e pastos non se visen afectados polas augas poluídas. Esta situación débese, segundo Aldea Viga, ás verteduras procedentes das balsas de augas contaminadas situadas nas antigas explotacións mineiras que agora pretenden reabrir nun macroproxecto Explotaciones Gallegas e Cobre San Rafael, vinculadas á multinacional Atalaya Mining.

Río Ameneiro Lamas
Río Ameneiro Lamas

Nun comunicado enviado aos  medios, Aldea Viva  asegura que “cursou denuncia á Consellería de Medio Ambiente solicitando o inicio dun procedemento de responsabilidade medioambiental ao abeiro da Lei 26/2007 contra o propietario da mina, Explotaciones Gallegas S.L., habida conta da relación de causalidade entre a contaminación deste río e as actuacións que o propietario realizou nos terreos mineiros para a creación de accesos ao futuro polígono empresarial, movementos de terras e incluso de materiais da balsa de lodos”.

Nese mesmo comunicado a asociación di descoñecer que tipo de autorizacións ampararon os traballos que se estan efectuando nas antigas instalacións mineiras en Touro. Sinalan tamén que non se efecturaron medidas de seguridade para previr a contaminación nin medidas de evitación e reparación.

A empresa Explotaciones Gallegas ten incoados dous expedientes sancionadores por verteduras en áreas de dominio público, ademais de afectación das augas, segundo informa Aldea Viva no seu comunicado. “ A asociación (Aldea Viva)l amenta que teñan que ser os colectivos e veciñanza quen estean a actuar ante o desleixo das  administracións e advírte ao goberno autonómico que de permitir a apertura da mina estaría deixando o futuro de Galicia nas mans dunha empresa que leva anos demostrando que non é capaz de garantir as condicións mínimas ambientais, de seguridade e mesmo de saúde pública, polo que en aplicación do principio de cautela, non debe autorizar o proxecto mineiro en tramitación”, remata o comunicado.

Canle de abastecemento aldea A Santaia, Touro
Canle de abastecemento aldea A Santaia, Touro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta