GC Aberto
Temas: PENSIóN

Blindaxe das pensións

Os que cren que Rajoy e Rivera van garantirlles as pensións, aínda non se decataron que o coincidente propósito do PP e C`s, pasa pola privatización do sistema en vantaxe dos operadores financeiros.

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 30/05/2018

Comparte esta noticia

Asistentes á manifestación en defensa dunhas pensións dignas
Asistentes á manifestación en defensa dunhas pensións dignas

Cando o 2 de setembro de 2011 o Congreso dos Deputados aprobou de forma urxente, cos síes do PP e PSOE a primeira reforma constitucional de calado, pactada entre ambos e sen referendo, introduciuse de facto na Carta Magna o principio de estabilidade financeira para limitar o déficit, estritas medidas que induciron restricións ás contas públicas e á capacidade do Estado para impulsar políticas económicas e de desenvolvemento do Estado social. Unha determinación que contou co respaldo do por aquel entón deputado Pedro Sánchez que acatando a disciplina de voto do seu partido sumouse á maioría.

 

Aquela decisión dos membros daquel consorcio instrumental de conveniencia deu ao traste con todas as melloras sociais conquistadas desde a instauración da democracia, porque o contido da reforma en cuestión foi extremadamente antisocial como así vén indicar a redacción do seu contexto ao indicar de forma concluínte que o pago dos intereses e capital da débeda pública das Administracións tería prioridade absoluta sobre calquera outro aspecto.

 

E iso a pesar que o seu implícito chocaba de cheo co establecido no artigo 1.1 da Constitución, pois o feito de priorizar o pago de referencia sobre aspectos esenciais como a xustiza e a igualdade, supuxo na práctica unha redución do gasto público que en definitiva traduciuse en recortes en servizos e prestacións públicas, que afectaron nocivamente á totalidade dos dereitos sociais da poboación e viñeron a controverter a propia concepción do Estado español como Estado social e democrático de Dereito.

 

Tan arbitraria  reforma foi ante todo a entrega de España aos acredores, ou o que é o mesmo, a constitucionalización oficial da subordinación da vida e dereitos da cidadanía ao capital financeiro, cuxo impacto afectou de forma moi severa ao sistema público de pensións, como así consta na actual redacción do avieso artigo 135 da CE, da que se deduce que ante unha crise de liquidez, antes cobrará o tenedor de bonos alemán que o xubilado español.

 

Iso vai seguir a ser  así en tanto devandito artigo manteña a súa vixencia, non fornecendo efecto algún os compromisos que se establezan para neutralizar as mobilizacións dos afectados, pois folga dicir que en razón ao seu obrigado cumprimento o ránking de prioridades do Goberno está establecido de antemán, por iso é polo que todo cambio dirixido a asegurar a sustentabilidade das pensións debe vir precedido da derrogación desa infausta reforma,  pois sobra dicir  que  a  consecución de tal obxectivo é de todo punto incompatible coas políticas de recortes e de privatizacións impulsadas desde Europa. 

 

Pero ademais das trabas de carácter constitucional hai aspectos da política económica e de emprego que por contraproducentes acentúan a dificultade para garantir a prestación dunhas pensións dignas e a sustentabilidade do sistema sen perda de poder adquisitivo; mostra diso evidénciao o papel desempeñado polo Presidente Rajoy que desde que tomou as rendas do Goberno, durante todos os anos do seu mandato os ingresos da Seguridade Social foron insuficientes para sufragar o importe das pensións. 

 

Ata o extremo, que cando o pasado ano desde o Executivo daban por resolta a crise e anunciaban o inicio do crecemento, resulta que a recadación efectiva da entidade reitora foi inferior en 1400 millóns de €uros en relación aos ingresos obtidos sete anos atrás; un feito que por negativo anula a validez do discurso oficial repetindo o mantra de estar a crear máis emprego que nunca, cando o certo é que como consecuencia das políticas neoliberais de aplicación os salarios baixaron, e así, as persoas que acceden á contratación laboral, fano con salarios notoriamente menores que antes e por tanto cotizan menos na súa achega ao pago de pensións. 

 

Acentuando a complexidade outro aspecto que tamén resta recadación como sucede coa maior contía de parados que non perciben o seguro de desemprego e por tanto o Estado non cotiza por eles á Seguridade Social, ao que hai que repercutir tamén a menor contía dos que si reciben axuda 

 

 

Por tanto, para asegurar o pago dunhas pensións dignas e a estabilidade do sistema é necesario reverter a situación, ampliando a oferta do mercado laboral para que traballe máis xente, e unha vez erradicada a precariedade reducir drasticamente o desemprego con garantía de salarios decentes. E ademais diso, blindalas constitucionalmente prohibindo a súa privatización total ou parcial e impedindo aprobar calquera medida que reduza o poder adquisitivo dos pensionistas. 

 

Temas: PENSIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pensionista

Mentres non se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2012 e mentres non se devolvan os seus dereitos laborais aos traballadores, eliminando as últimas reformas das leis laborais de Rajoy e Rodríguez Zaparatero, así como as mordazas e códigos criminais que serven para acalar as protestas con represión, non hai nada.