O conselleiro Román Rodríguez e o ex-alcalde de Lalín, denunciados por prevaricación mentres o PP apunta a Cuíña

A denuncia foi presentada pola formación APAC o venres ante o xulgado número 2 de Lalín. Denuncian uns feitos que tiveron lugar dende o ano 2004 tras a presunta contratación de xeito irregular dende 2004 dun total de 38 persoas. “Comisións Obreiras fixo oídos xordos durante todo ese tempo a pesar de ter representación no Concello”, apunta esta formación. O PPdeG considera “ruído mediático” e “balas con pólvora mollada” a denuncia e acusa a Rafael Cuíña de estar detrás de todo.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 19/05/2018 | Actualizada ás 23:04

Comparte esta noticia

A Agrupación de Electores/as Plataforma Aberta Cidadá (APAC) de Lalín presentou o pasado venres no xulgado número 2 de Lalín unha denuncia por suposta prevaricación con carácter continuado por unha serie de contratacións irregulares levadas a cabo polo Goberno de José Crespo Iglesias dende o ano 2004. Unha denuncia que tamén afecta ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na altura xefe de persoal nese municipio.

José Crespo, Alfonso Rueda e Román Rodríguez nunha rolda de prensa
José Crespo, Alfonso Rueda e Román Rodríguez nunha rolda de prensa | Fonte: EP

Na súa denuncia a APAC destaca como se desenvolvía este proceso de contratación irregular e tamén que esta práctica estaba ligada exclusivamente á atención de afinidades de tipo político ou persoal. Así, suliña que o Concello contrataba mediante contratos por obra e servizo ou ben a través de contratos eventuais a traballadores e traballadoras para realizar tarefas que se desenvolvían de forma permanente. Estes contratos prolongábanse un ano tras outro sen que existise ningunha resolución  de alcaldía nin acordos da Xunta de Goberno Local sobre a prórroga ou a continuidade de contratación, é dicir, facíanse ano tras ano a dedo. 

Son un total, segundo o informe do técnico de Persoal, de 38 persoas contratadas de maneira irregular; 35 como persoal laboral e 3 como persoal interino. “É obvio que en ningún momento desvelaremos o nome de ningún/ha dos traballadores/as, pois queremos deixar claro que non estamos indo contra eles/as, aos que respectamos profundamente, senón contra a mala actuación do Goberno de José Crespo Iglesias”, apunta.

IRREGULARIDADES

Nese informe, segundo a APAC, constan casos nos que existen concatenacións de contratos por obra e servizo ou eventuais tendo en conta que a actividade destas persoas era estrutural dentro do Concello; ou procesos selectivos nos que non se supera a proba pertinente. Existen casos de contratacións concatenados por obra e servizo que se prolongaron durante máis de dez anos sen que nin sequera se especificase que obra ou que servizo eran obxecto do contrato ou outros nos que nin sequera se describía a que servizo se adscribía. Tamén hai un caso no que se realizou un contrato por obra dende 2011 e posteriormente de interinidade cunha advertencia moi grave, e é que non se superou o proceso selectivo para esta praza; ademais, o contrato por obra durou catro anos, o que evidentemente supera o límite establecido no Estatuto dos traballadores. 

José Crespo
José Crespo

“Todas estas non son só situacións, canto menos, irregulares, senón tamén ilegais, que se fixeron co pleno coñecemento dos/as membros da Xunta de Goberno Local entre os cales non só se atopaba José Crespo Iglesias, xefe de persoal do Concello de Lalín naquel momento, senón tamén o conselleiro Román Rodríguez”, engade.

INFORME DO SECRETARIO

Nesta denuncia tamén consta un informe elaborado polo técnico de Persoal do Concello de Lalín, con data 2 de outubro de 2017, e mais unha acta da Xunta de Goberno Local do 12 de decembro de 2012, na que se pode ler un informe do secretario do Concello de Lalín no que advirte destas irregularidades e, ademais, recomenda que o Concello debería adoptar as medidas necesarias para a provisión regular dos postos. O informe foi aprobado por unanimidade. 

APAC lembra que estes feitos “non collen de sorpresa”, pois xa entre o ano 2004 e 2006 o grupo municipal do PSOE de Lalín presentou varias denuncias sobre as oposicións convocadas para cubrir trece postos de funcionariado do Concello de Lalín. “Nestes non se cumpriron as regras de transparencia, méritos e capacidades xa que, previamente á realización dos exames, o PSOE fixo públicos os nomes das persoas adxudicatarias das prazas; destas, acertaron as once persoas destinatarias das mesmas, pois as outras dúas estaban entre interrogantes, é dicir, que acertaron as once”, indica.

Esta formación sinala que non é un caso illado este tipo de actuacións por parte do PPdeG e lembra o caso de Bram Sniekers, quen fora profesor de trompeta do Conservatorio de Lalín, cuxo proceso de contratación foi, din, “cando menos, sospeitoso”. Sniekers foi contratado no ano 2007 como profesor sen proceso selectivo ningún e para cuxa praza unicamente presentou o seu currículo vitae.

CRÍTICAS A CC.OO.

Ademais, a APAC denuncia tamén que o sindicato con representación no Concello naquel momento, Comisións Obreiras, non se postulase ao respecto. “A curiosidade aumenta cando nos damos conta de que unha vez que comeza este novo Goberno no ano 2015 este sindicato parece que por fin realiza o seu labor de defensa dos intereses sociais, económicos e laborais dos traballadores e traballadoras”, indica en relación ao novo goberno de coalición que substituíu ao do PP en Lalín.

“Dende APAC consideramos de extrema gravidade esta situación e esiximos responsabilidades ao senador e xefe da oposición José Crespo Iglesias, así como aos/ás demais membros da Xunta de Goberno Local, quen aprobaron toda esta serie de irregularidades nos procesos de contratación do Concello de Lalín dende o ano 2004”, conclúen.

"RUÍDO MEDIÁTICO"

Pola súa banda, José Crespo amosouse "absolutamente tranquilo" e "a disposición de calquera órgano xudicial" para aclarar "calquera aspecto" relativo a unha denuncia que di que “descoñece”. A través dun comunicado, suliñou que a xestión de persoal na súa etapa foi "impecable" e estivo marcada pola "normalidade nas relacións laborais", en contraste, di, “coa denuncia por presunto acoso que motivou a detención do primeiro tenente de alcalde, Nicolás González”.

O ex rexedor enmarca esta denuncia nunha "operación política orquestrada por Rafael Cuiña" e anticipa que "suporá un punto de inflexión na forma de abordar a política local e o traballo do PP como oposición". Os populares cualifican á voceira de APAC, Lara Rodríguez, como "a Irene Montero de Lalín, que vai dando leccións de ética política e adícase a contratar servizos de xeito discrecional a persoas afíns e a usar o coche oficial para asuntos privados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 panxho

Isto e os novas fichaxes de cidadáns están asombrando o futuro de Feijoo, e o seu poco carisma.

2 trapalladas

Bueno carallo bueno.... prescripción, arquivo, sobreseimento, ¡¡ai que o perdín..!!, non sei onde puxen o expediente, bueno non foi pa`tanto, ti manda un requerimento e xa veremos ... son moitas das formas de non enxuizar neste país aos políticos en xeral... !!veredes¡¡

1 Delalin

Lo correcto ahora es tirar un poco más para atrás y comprobar los negocios de los Cuiña durante las dos décadas anteriores mientras que controlaban concello y COTOPV

1 Carlos Moure

O correcto debería ser que o PP dese explicacións.

2 Delalin

Una cosa no quita a la otra. Entre peperos de ahora y de antes está el juego