Premios Gala do Libro Galego para Xabier P. Docampo e Lupe Gómez

Os premios entregáronse nun acto celebrado a última hora deste sábado. En esta cita valorouse a calidade das últimas obras en galego a pesar de alertar "dun escenario de retroceso" no número de títulos publicados.

Por GaliciaConfidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2018 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

A III Gala do Libro Galego 2018 recoñeceu a Xabier P. Docampo, pola súa obra en narrativa 'A meniña do abrigo de astracán', e a Lupe Gómez, en poesía, por 'Camuflaxe', nun acto celebrado a última hora deste sábado no que se valorou a calidade das últimas obras en galego a pesar de alertar "dun escenario de retroceso" no número de títulos publicados.

Premiados na III Gala
Premiados na III Gala | Fonte: Europa Press

A Asociación de escritores e escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), convocaron a terceira edición dos Premios, nunha gala que se celebrou no Teatro Principal de Santiago de Compostela, e que pretende "recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial durante o ano 2017 en Galicia".

Trátase de distincións sen dotación económica que xurdiron das propostas das bases asociativas do tres entidades e que, posteriormente, foron sometidas a un proceso de preselección e á valoración do fallo por parte dun xurado externo. Na obra de Xabier P. Docampo o xurado estimou a "mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista". Pola súa banda, Lupe Gómez foi recoñecida pola "contención no trato da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo".

No ámbito de Ensaio e investigación premiouse a obra 'Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia', de Antón Figueroa. Na categoría de Divulgación, venceu Xurxo Mariño, con 'Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo'.

O recoñecemento á mellor obra infantil foi para 'A señorita Bubble', de Ledicia Costas, e en Xuvenil, para 'Os nenos da varíola', de María Solar. O xurado tamén destacou a "incontestable traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o 'Diario Cultural' da Radio Galega" para premiar, na categoría de Xornalismo Cultural, a Ana Romaní. En Teatro, gañou 'Río Bravo' de Chévere, e en Proxecto literario na rede, 'Caderno da crítica', de Ramón Nicolás.

Ademais, na Gala concedeuse o Premio á traxectoria a 'Viñetas desde o Atlántico', a iniciativa que desde hai máis de 20 anos populariza o cómic na súa edición anual na Coruña. O xurado plasmou tamén a súa preocupación pola redución no número de libros en galego, pero nun contexto no que sobresae a súa calidade. "A pesar dun escenario de retroceso no número de títulos publicados, da visibilidade e dos dereitos lingüísticos das persoas 'galegofalantes', brilla, aínda así, a gran calidade e o esforzo do mundo do libro galego", indicou o xurado. .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta