É realmente Galicia un país laico e aconfesional?

A asociación Europa Laica, nacida como observatorio da incidencia que ten sobre a sociedade a presenza da Igrexa Católica ademais doutras confesións, considera que a presenza da relixión en áreas como a educación ou na economía, vulnera o artigo 16 da Constitución, o que establece que España sería un estado aconfesional.

Por Moncho Mariño | Santiago | 21/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O punto 3 do artigo 16 da Constitución Española di:  “Ningunha confesión terá carácter estatal. Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as consecuentes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións”. Para algunhas persoas este punto da chamada Carta Magna, estaría sendo vulnerado desde as  propias institucións públicas. A presenza de dúas casas para marcar na Declaración da Renda, unha para ofrecer voluntariamente parte dos  nosos impostos á Igrexa Católica e outra para Fins Sociais, é unha maneira encuberta de ingresar diñeiro público a unha institución privada. Sobre a casa destinada a Fins Sociais,  algunhas das asociacións que reciben diñeiro procedente deste apartado son ONGs vinculadas á Igrexa.

Xornadas sobre laicismo Pontevedra
Xornadas sobre laicismo Pontevedra | Fonte: Europa Laica

Estes son algúns dos argumentos que expoñen desde Europa Laica, unha organización que “Defende o pluralismo ideolóxico en pé de igualdade como regra fundamental do Estado de Dereito e o establecemento dun marco xurídico acaído e efectivo que o garanta e protexa fronte a toda interferencia de institucións relixiosas que impliquen vantaxes ou privilexios”. En Galicia xa organizaron en abril unhas xornadas en Cangas baixo o título “Estado. Igrexa. Escola” onde debateron sobre a presenza da relixión no ensino dentro dun marco como o galego e español, teoricamente afastado de influencias relixiosas.

LAICISMO

O feito de separar o goberno civil da influencia das diferentes confesións relixiosas parte da Europa que nace logo da Revolución Francesa. O desexo de facelo xa viña de moito tempo atrás e coa evolución dos estados contemporáneos, esta separación fíxose evidente nalgúns estados, sobre todo occidentais. Así, moitos adoptaron fórmulas como “estado aconfesional”, “estado ateo”, sobre todo nos países do antigo bloco comunista e “estado laico”.

A idea de laicismo confúndese moitas veces co de ateísmo, a non crenza ou rexeitamento da existencia dun ente superior que todo o creou e ademais é todopoderoso. Laicismo sería “ o estabelecemento das condicións económicas, xurídicas e sociais idóneas para o desenvolvemento pleno da liberdade de conciencia, base dos Dereitos Humanos. Para isto o estado debe de inhibirse de mostrar predilección por unha confesión relixiosa, e manter unha posición de neutralidade absoluta diante das diferentes crenzas”.

De cara a esta idea, naceu Europa Laica, e consecuentemente as súas filiais para España e Galicia. “Foi fundada en 2001 con sé en Madrid e socios en todo o territorio estatal, así mesmo tamén ten presenza en varios países europeos e latinoamericanos” segundo rezan os seus estatutos ademais que “é unha asociación independente que se financia coas cotas das persoas asociadas e a venda de libros, pins e camisolas”. No caso galego, a asociación apareceu en febreiro de 2018 e as súas principais actividades teñen sido campañas de concienciación sobre o que é o laicismo, tamén iniciaron a campaña contra a opción de Igrexa ou Fins Sociais dentro da Campaña da Renda.


“NON MARQUES NINGUNHA CASA”

Karina Mouriño é a voceira de Europa Laica en Galicia. Ela explica os motivos desta campaña contra o marcado das dúas casas para cedermos, voluntariamente, diñeiro dos nosos impostos. “Isto é un concepto adulterado da liberdade de conciencia. Que o estado ofreza a posibilidade de destinar parte dos nosos impostos a unha organización privada como é a Igrexa, denota privilexio de cara a esa organización”.

Aínda máis, porque a outra alternativa, a de Funcións Sociais, tampouco queda fóra do ollo crítico de Europa Laica. “A existencia da outra alternativa á Igrexa, desvirtúa o deber do estado de atender as necesidades sociais, independentemente de se a marcas ou non” di Karina Mouriño. Por outra banda, o diñeiro que se recauda nestas dúas alternativas ten un destino que segundo a asociación laica “se marcas a casa para a Igrexa Católica, o 90% vai destinado a salarios de curas e bispos, mentres que se marcas a outra alternativa o 30% do recadado vai para ONGs vinculadas coa Igrexa”.

Aínda así, segundo un breve estudo da Organización de Consumidores, OCU, hai un número de persoas, case o 30% que non se declaran a favor de ningunha das opcións. O que, para esta organización demostra unha certa desconfianza no tratamento que recibirá o 0.7% do diñeiro que entregamos nos nosos impostos.

LAICISMO E ESCOLA

A segunda semana de abril Cangas do Morrazo foi o lugar elixido para desenvolver unhas xornadas sobre laicismo dentro do  IES Rodeira, e máis en concreto polos Departamentos de Filosofía e Historia. Para esas xornadas sobre laicismo colaboraron Europa Laica e o propio Concello. Desta maneira, e como explican desde a asociación “Tentouse que o tema do laicismo entrase a formar parte dalgún xeito do currículo escolar propiciando aos estudantes en primeiro lugar unha aclaración conceptual sobre a propia palabra e logo información e debate desde a historia contemporánea e desde a reflexión filosófica”.

O feito de entrar o tema do laicismo dentro das aulas dun centro de ensino, enfocando estas xornadas tanto para alumnado como público en xeral, quería, achegar tamén idea de que “o laicismo implica a neutralidade do estado fronte as relixións” cousa que no caso español sería dubidoso. “Temos aulas de relixión nos centros públicos, isto é froito dos concordatos co Vaticano de 1979 que lle permite á Igrexa entrar dentro das aulas”.

CARA ONDE VAI A POSTURA LAICISTA?

A idea dun estado que non atenda en exclusiva a unha ou máis confesións relixiosas é unha das bases dentro dos chamados estados de dereito. Pero a cuestión é que hai puntos que o estado non eliminou ou eliminou hai pouco, que favorecían á Igrexa, “existía unha lei que lle permitía á Igrexa inmatricular propiedades sen a necesidade de presentar ou acreditar que eran propiedade súa” di Karina Mouriño.

Polo de agora o laicismo está aínda nun momento de expansión, pois só son quince anos para a organización Europa Laica. A mesma comezou en Galicia hai uns meses e os obxectivos de concienciar á sociedade da necesidade de profundizar na separación entre estado e Igrexa ou calquera outra manifestación relixiosa. Todo porque consideran unha vulneración dos principios polos que se rexe un estado constitucional como o español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 euloxio uxio

Con todos os respectos este tipo de informacións non lle importan nin a Cristo. Falemos do importante, por exemplo de todos os deputados da Marea, Compostela Aberta, Marea Atlántica e etc asinando publicamente un manifesto en contra de Lois Villares. Por que Galiza confidencial oculta isto?

3 Condorcet

O laicismo está ben para Francia, pero aquí é insuficiente. Os privilexios económicos e de representación da igrexa católica non atentan contra a laicidade, senón contra o principio de igualdade: o mesmo daría se fose unha corporación ou un clube de fútbol. Aquí precísase ANTICLERICALISMO.

2 galegoexiliado

A famosa casiña na declaración da renta é un insulto á cidadanía non relixiosa, e un roubo ás arcas públicas pois detraen impostos de todolos cidadans. Si alguén quere financiar á igrexa debería pagar a maiores o porcentaxe que crea convinte coas suas supersticions, pois si a lei o permitira de seguro que mais de un integrista destinaría o cen por cen dos seus impostos á sua congragación relixiosa en detrimento das arcas públicas. A que esperan os póliticos da falsa esquerda laica en pedir que se corrixa ese desvío de cartos públicos, e que cada un pague a maiores o que a sua fé lle suxira. E quen queira ensino relixioso que o pague e non obligue aos de mais a pagarllelo.

1 Asesores de AGE non

Por se acaso Procesiones aumentou as subvencións ás procesións.