Rajoy ve a Feijóo en Galicia moito tempo: "As súas políticas permiten un futuro fragueiro"

Di que "as cousas marchan ben" en Galicia, unha comunidade que foi "modelo á hora de controlar o déficit público".

Por E.P. | VIGO | 21/05/2018 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, eloxiou este luns as políticas económicas da Xunta de Núñez Feijóo, que deron como resultado un crecemento de Galicia "superior ao resto do país" e permítenlle avanzar cara a un "futuro fagueiro".

Rajoy na Asemblea Xeral do Círculo de Empresarios
Rajoy na Asemblea Xeral do Círculo de Empresarios | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o titular do Executivo central durante a súa intervención na inauguración da Asemblea Xeral do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, na que tamén participaron a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o presidente da FEMP e alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, entre outras autoridades.

Rajoy destacou que "as cousas marchan ben" en Galicia, unha comunidade que foi "modelo á hora de controlar o déficit público", e que ten "uns datos macroeconómicos excelentes". Esta situación, que desembocou no primeiro trimestre de 2018 nun "crecemento superior ao resto do país", permite, segundo o presidente do Goberno, un "optimismo realista" e afirmar que a comunidade galega ten "un futuro fagueiro".

Na súa intervención, ademais de destacar o "paso decidido" de Galicia cara ao seu futuro, Mariano Rajoy subliñou os "compromisos" do seu Executivo coa área de Vigo, e enumerou alguns dos proxectos xa realizados, así como actuacións previstas.

Así, destacou a ampliación do aeroporto de Peinador, a construción da estación da AVE en Urzáiz, a posta en marcha da nova depuradora, ou a ampliación da autoestrada na ponte de Rande, unha "obra histórica para Vigo realizada en plena crise".

Tamén se referiu á futura continuación da autovía A-52 entre O Porriño e Vigo, cun investimento previsto de 337 millóns de euros ao abeiro do Plan Extraordinario de Estradas; e afirmou que o Goberno seguirá "traballando para impulsar a tramitación para mellorar a conexión de AVE entre Vigo e Cerdedo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pondaliao

Futuro "fareleiro"? xD