Temas: UE LIDIA SENRA

Os proxectos eólicos que unha multinacional saudí quere facer en Ordes chegan a Bruxelas

Lidia Senra di que van contra o interese xeral da zona e apoia a loita veciñal contra a implantación de muíños e novas liñas de evacuación eléctrica.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 23/05/2018 | Actualizada ás 10:43

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) que a instalación de parques eólicos na comarca de Ordes sería contrario ao interese xeral da zona. 

Parque eólico
Parque eólico

Así, presentou este mesmo mércores en Bruxelas un escrito dirixido á CE no que lle pregunta ao ente comunitario se está ao tanto destes proxectos, se coñece a situación de tramitación na que se atopan e se sabe dos riscos para a zona, tendo en conta que moitos dos terreos afectados están na categoría de solo rústico de especial protección. A eurodeputada di ter a certeza de que a adaptación do planeamento agrario ao uso enerxético podería facer perigar as axudas da Política Agraria Común (PAC) que reciben as explotacións desta zona e insta á CE para que valore como repercutiría.

Esta iniciativa chega logo dos contactos que mantivo coa Coordinadora veciñal contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes e de ser informada sobre os proxectos que presentou nos últimos meses a empresa Green Capital Power, con matriz en Arabia Saudí. A europarlamentaria puxo ao tanto á  CE ao tanto de que na comarca presentouse un proxecto co nome de parque eólico de Ardemil, outro co da Pobra, e un terceiro co de Lavandeira, ademais do de Monte Inxerio e o de Gasalla. En total, afectarían a máis de 500 explotacións agrarias e a máis de 1000 empregos directos e indirectos.

MALESTAR NA COMARCA

A eurodeputada decidiu levar o tema a Bruxelas tendo en conta que os veciños e veciñas recolleron nun tempo récord de pouco máis dunha semana 1.500 sinaturas en contra dos parques eólicos na comarca de Ordes, e que tamén os alcaldes dos concellos de Ordes, Mesía, Oroso e Frades asinaron unha declaración institucional contra a instalación de parques eólicos nos seus territorios. Así, lembra que o cumprimento dos obxectivos da directiva 2009/28/CE para os Estados membro en canto a producción de enerxía renovable (está contemplado que o Estado español debe producir o 20% da súa enerxía con renovables no 2020) non pode implicar que se instalen parques eólicos por riba do interese xeral dos lugares.

Senra considera a situación de extrema preocupación, sobre todo ante o feito de que estamos a falar dunha comarca declarada no 2007 polo Goberno galego como de especial interese agrario. “A enerxía eólica é unha opción que pode ser máis sostible e máis limpa que outras, pero de ningunha maneira deste xeito. Eólicos si, pero non así”, critica Senra, quen chama ao Goberno estatal e ao galego a "poñer algo de cabeza e frear esta tolería". “Non todo vale, non se pode acabar co rural vivo e produtivo, e menos inzar Galiza de eólico”, defende a eurodeputada. 

A Comisión Europea analizará agora a situación e debería dar unha reposta sobre a súa percepción nun prazo de entre 4 e 6 semanas. A europarlamentaria tamén remitiu esta semana, ao igual que fixeron un feixe asociacións culturais e sociais da comarca, organizacións ecoloxistas e outros deputados e organizacións políticas, un escrito dirixido ao conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia e ao presidente Alberto Núñez Feijóo, reclamándolles que se paren a pensar e non declaren de especial interese os parques eólicos do Inxerio e Gasalla. 

Temas: UE LIDIA SENRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta